fbpx
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recupera dous corpos de asasinados polo franquismo na Pobra do Brollón (Lugo) / ARMH

O PP non quere unha Lei da Memoria Histórica en Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

O PP non quere poñer en marcha unha política pública sobre a memoria histórica fundamentada na defensa dos dereitos humanos e, especificamente, do dereito á verdade, á xustiza e ás garantías de non repetición. Unha política pública con carácter “transversal” que dependa orgánicamente da Presidencia ou Vicepresidencia da Xunta.

Entre outras cuestións, a proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista Luís Bará reclamaba a elaboración dunha Lei galega de memoria histórica que amplíe os dereitos recoñecidos pola lexislación estatal, así como a derrogación de Lei de Amnistía de 1977 ao considerar que é “o principal obstáculo para a apertura de investigacións e procedementos penais sobre violacións graves dos dereitos humanos”.

Este foi o principal punto de diferenzas entre os partidos con representación no Parlamento galego durante o debate no Pleno. Así, mentres que En Marea tamén apostou pola derrogación desta norma ao considerar, segundo sinalou a parlamentaria Ánxeles Cuña, “que cobre crimes contra a humanidade”, tanto PSdeG como PPdeG rexeitaron a supresión desta lei.

Acto na Illa de San Simón en lembranza dos republicanos presos no seu campo de concentración / Iniciativa Galega pola Memoria

Lei da Amnistía

En concreto, a primeira en mostrarse contraria a este punto foi a deputada socialista Concepción Burgo, que argumentou que esta norma permitiu que “centos de opositores” ao franquismo puidesen saír do cárcere. Cuestión que compartiu o deputado popular Aurelio Núñez, que subliñou que as persoas que viviron o golpe de estado defendían esta lei que supuxo un avance “incontestable” e “un camiño sen retorno cara á democracia”.

Precisamente, este punto foi votado por separado, co rexeitamento do PPdeG, a abstención do PSOE e os apoios do BNG e En Marea.

Críticas

Con todo, o tres grupos da oposición coincidiron o ao criticar a falta de medidas a favor da memoria histórica do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo. Así, en primeiro lugar, o nacionalista Luís Bará censurou que todas as iniciativas neste sentido postas en marcha polo bipartito, como o proxecto de investigación ‘Nomes e voces’ ou a declaración da Illa de San Simón como Illa da Memoria foron “arrasadas e desmanteladas polo PP”.

Neste sentido, a deputada socialista Concepción Burgo tamén criticou que “con Feijóo se desarticulase todo o feito polo bipartito” e “deixouse de cumprir a Lei de Memoria Histórica”. “Díxose que non, non votaron a favor, de forma que centos de homes e mulleres galegas seguen nas cunetas, iso é o que conseguiu facer a política do PP”, sinalou.

Pola súa banda, a parlamentaria de En Marea Ánxeles Cuña asegurou que o desenvolvemento de política pública sobre a memoria histórica “debe ser a misión principal” dun Goberno.

Fronte a iso, tras sinalar que “a primeira condena expresa ao franquismo fíxose en 2002” por impulso do PP no Congreso, o parlamentario Aurelio Núñez, lembrou as medidas postas en marcha polos populares nesta materia como a declaración institucional elaborada o ano pasado con motivo do 80 aniversario do golpe militar.

Camilo de Dios na recuperación do corpo do seu irmán, Perfecto de Dios/ memoriahistorica.org

Críticas da CRMH

Tamén a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) lamentou que o Parlamento Galego rexeitara esta proposición e considerou que, mentres goberne o Partido Popular, a Memoria Histórica “ficará enterrada e as vítimas serán ignoradas e silenciadas”. “Despois do resultado das votacións desta mañá, queda en evidencia unha vez máis o nulo interese do PP, tanto no país coma a nivel de Estado, por avanzar cara ás políticas públicas de recuperación e reparación que se demandan mesmo desde organismos internacionais”, indicou nun comunicado.

A CRMH tamén criticou a actitude do PSOE, partido que foi quen de sacar adiante unha lei semellante hai uns días en Andalucía, e que pediu votar por separado os puntos do texto da proposición referentes a derrogación da Lei de Amnistía –o texto entendía á súa “incompatibilidade dos efectos da lei de amnistía coas obrigas internacionais adquiridas polo Estado español”-; e a anulación das sentenzas ditadas polos tribunais franquistas e no que se apelaba á “ilexitimidade das condenas e sancións ditadas polas xurisdiccións especiais durante a Guerra Civil e por calquera órgano penal ou administrativo durante a Ditadura”.