fbpx
Castro de Fazouro / Galipedia
Castro de Fazouro / Galipedia

O único museo castrexo de toda a Costa Cantábrica galega agarda polo BIC

Tempo de lectura: 2 min.

O Castro de Fazouro, datado entre o século I e III despois de cristo, atópase no concello de Foz, na provincia de Lugo. E non é un castro calquera, é o único que se conserva como museo en toda a costa cantábrica galega. Unha situación e conservación que vai ter premio.

O certo é que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acaba de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de xacemento arqueolóxico, a esta fortificación castrexa. Deste xeito, o ben contará de forma inmediata e provisional co réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC e para esta categoría en particular. A maiores, e tal e como figura na resolución publicada hoxe no DOG, o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

Segundo os informes previos elaborados sobre o castro, “este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro”, dado que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar ao carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas.

Musealización do castro de Fazouro, en Foz / Grupo thais

Musealización do castro de Fazouro, en Foz / Grupo thais

As escavacións das que foi obxecto achegaron moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada, e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III d.C.. Por tanto, e tendo en conta os valores deste castro, Patrimonio propón a súa declaración singular como xacemento arqueolóxico, por consideralo a figura máis acaída para o seu réxime de protección.

Único escavado e musealizado na zona

O Castro de Fazouro atópase na costa lucense, no lugar de Punta do Castro da parroquia de Santiago de Fazouro, a uns poucos quilómetros da vila de Foz. Este poboado costeiro é o único escavado e musealizado na costa cantábrica galega, e neste senso é un referente para o coñecemento e a difusión dos valores culturais da época castrexa.

Existen outros xacementos das súas características, xa que nas súas proximidades están os castros de Marzán, Devesa, Vilaselán, Rueta e Burela de morfoloxía e características semellantes a Fazouro, pero non co seu grado de coñecemento e posta en valor. Todos eles están situados en istmos de suave relevo e basean as súas defensas en parapetos, murallas e foxos na franxa que une o istmo á terra. A súa orografía contrasta coa doutros castros costeiros máis occidentais, nos que o terreo é máis abrupto e montañoso, como é o caso de Espasante ou Baroña.

Outro dos elementos comúns aos castros cantábricos é o seu forte grao de romanización, ao tratarse de asentamentos cun alto nivel de ocupación entre os séculos I e III d.C., e que amosan restos que os asocian a explotacións metalúrxicas. Outro elemento característico é o material empregado na súa construción: as laxas de lousa, en contraste co granito empregado na franxa atlántica. En todo caso, todos os pormenores da resolución e características do xacemento poden consultarse no seguinte enlace web.

Pode que che interese...