Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube
Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube

Ourense acollerá a gran exposición dos suevos, o primeiro reino de Europa

Eran os suevos un pobo “bárbaro”? que fixeron durante case dous séculos na antiga provincia da Galaecia? E, que pegada deixaron no noso país?- “In tempore Sueborum” tentará dar resposta a esas e outras cuestións do que é considerado o primeiro reino de Europa. Ese é o nome da gran exposición monográfica sobre o reino suevo que se organizará en Ourense e contará con pezas de museos de Europa e EE.UU, ademais de Galicia e Portugal -onde os suevos afincaron o seu reinado- e de España.

Será entre novembro de 2017 e febreiro de 2018 cando se inaugure esta exposición cunha colección que reunirá en tres espazos expositivos ao redor de 200 obxectos. Algunhas son pezas singulares de gran valor histórico-arqueolóxico que serán traídas doutros museos e coleccións europeos e mesmo da Dumbarton Oaks Collections, de Washington.

Mapa do reino suevo na antiga Gallaecia / wikiwand.com

O centro cultural Marcos Valcárcel organiza esta exposición co patrocinio da Deputación Provincial e a colaboración do Bispado de Ourense e o Concello. O deseño, a produción, construción e instalación das pezas é de tal dimensión que foi necesaria a apertura dun proceso de contratación pública cun importe de licitación de 120.000 euros. Non obstante, tal e como apunta Faro de Vigo, este procedemento paralizouse momentaneamente debido á necesidade de definir con maior detalle as condicións técnicas en canto á descrición dos elementos a expor, segundo figura no decreto de desistencia.

A colección céntrase no tempo dos suevos na Gallaecia, tal e como reza o título, “o primeiro reino medieval de Occidente”, e como xa recolleu nun artigo Historia de Galicia, e centrarase esencialmente no período que se estende ao longo dos séculos V e VI d.C. É, neste sentido, a primeira exposición monográfica dedicada ao reino que crearon os suevos durante practicamente dous séculos na Gallaecia (411-585). Así, o obxectivo é mostrar o que se coñece dos suevos, a súa pegada nas tradicións culturais e as transformacións que conduciron á configuración de novas entidades socio-políticas que son o xerme do actual mapa xeopolítico europeo. O Marcos Valcárcel, o Museo Municipal e a Igrexa de Santa María Nai, son o tres espazos expositivos elixidos para a exposición.

Exposición de pezas procedentes de museos de todo o mundo.

As pezas que se trasladarán a Ourense proceden de museos de toda Galicia, pero tamén de Mérida, Madrid, Zamora, León, Braga, O Porto, Coimbra, Lisboa, Hungría, Romanía, Francia, Austria, Alemaña, Dinamarca e Bélxica, entre outros países. Tamén está previsto presentar dúas pezas “extraordinarias e únicas” procedentes do Museo do Hermitage (San Petersburgo, Rusia) e da Dumbarton Oaks Collections (Washington, EE UU). Ao ser a primeira mostra sobre esta temática, moitos dos obxectos que serán presentados aparecerán xuntos neste contexto por primeira vez.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: