fbpx
Edificio do Cinema Zárate, en Mugardos, de estilo ecléctico / Panoramio

Patrimonio protexe o mítico cine ecléctico de Mugardos

Tempo de lectura: 4 min.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acaba de incluír o Cine Zárate de Mugardos, un dos edificios eclécticos máis importantes da Coruña, como monumento do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Previamente, e tal e como informara esta web, Patrimonio xa paralizara o posible derrubamento desta edificación.

Segundo a Lei do patrimonio cultural de Galicia esta figura de protección recolle “a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico“.

“A industria do cinema xerou na súa historia unha notable influencia nas formas de ver e entender a vida dos cidadáns, que deu lugar á aparición dun significativo patrimonio cultural”, recoñece Cultura. Nos últimos anos este patrimonio converteuse en obxecto de estudo por parte de investigadores de diversos sectores disciplinares, que incorporan ao seu estudo tanto o mobiliario empregado na propia industria cinematográfica e as películas como as arquitecturas destinadas á produción e o gozo delas.

Por iso, para a Xunta a protección deste ben debe entenderse como “un elemento de coñecemento da sociedade do pasado cuxa importancia non reside exclusivamente na súa singularidade material, senón na súa implantación e impacto nun determinado lugar que nos permite coñecer a vida cotiá da sociedade que posibilitou a súa aparición, no contexto da presenza no mundo occidental dunha cultura do lecer, asociada ao crecemento dun sector económico e institucional”.

A Consellería de Cultura lembra as particularidades técnicas que presenta o Cine Zárate e subliña que deben valorarse xunto coa dimensión que toma o edificio ao implantarse no territorio que ocupa e como repercutiu na vida da sociedade mugardesa e na súa cultura, pois enténdeo como un elemento da identidade local.

O cinema Zárate, de Mugardos, nunha imaxe antiga / Concello de Mugardos

O cine Zárate

Esta sala de cine situada a escasos metros do Concello recibiu o seu nome do indiano mugardés Pedro Zárate Doménech, que mercou en 1924 o soar sobre o cal construiría a sala cinematográfica o arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, quen deseñou un edificio ecléctico, seguindo a moda da época, recoñecible noutras salas da Coruña, Pontevedra ou Vigo. O edificio foi inaugurado o sábado 29 de maio de 1926 coa actuación do grupo arxentino de Les Pantaleoni e Aurora Gago.

Naceu, como era habitual nese momento, como un local para diversas actividades sociais de ocio, o que daquela recibía o nome de «salón». O deseño interior respondía ao esquema habitual dos salóns de variedades, tomado dos teatros á italiana: vestíbulo-sala-escena. A planta rectangular daba cabida a un maior número de butacas e na planta superior situábase o anfiteatro e contaba en total cun aforamento de 304 localidades.

Mercedes López Zárate herdou do seu pai o Ideal Cinema e mantivo o uso da sala ata 1934, cando a familia Zárate alugou o inmoble a José García Niebla. Neste momento o inmoble tivo que ser reformado por Nemesio López Rodríguez, debido a que as instalacións xa se atopaban en deficiente estado, ademais para que o cine puidese seguir funcionando era necesaria a apertura dun acceso independente á cabina pola terraza. Anos máis tarde o alugamento do inmoble pasou a José García Dorado, quen o mantivo en uso ata o seu peche definitivo en xullo de 1969.

Desde que o cinema deixou de funcionar na década dos 60, comezou a decadencia do inmoble que vemos hoxe en estado ruinoso, os seus restos representan a época dourada dos cinemas e identifican o Ideal Cinema Zárate como principal centro de lecer en Mugardos durante moitos anos, no cal tamén se ofrecían espectáculos de teatro e bailes, e mesmo mitins nos anos anteriores á II República.

A súa estrutura

Ademais da sala de cine, o edificio presenta no seu muro suroeste, un local trapezoidal acaroado no exterior da fachada lateral, que foi cantina do local, cuberto por unha terraza con estrutura porticada, con piares sobre pedestal e balaustrada de formigón decorada con motivos xeométricos. Esta cantina converteuse co tempo no Bar Fernando e conservou sempre ese carácter de centro da vida social mugardesa.

Edificio do Cinema Zárate, en Mugardos, de estilo ecléctico / Concello de Mugardos

A fachada principal, de gran riqueza decorativa, desenvolve unha composición simétrica de seis pilastras que percorren as dúas plantas e sosteñen un friso en que as métopas delimitan as palabras «Ideal Cinema Zárate», nas cales aínda se pode intuír unha policromía de cor azul.

Esta fachada de linguaxe ecléctica, que anuncia o modernismo polo colorido empregado, remata cun frontón triangular central decorado con motivos vexetais. Mentres o corpo baixo da fachada articula cinco ocos, un en cada pano, alternando tres vans de acceso e dúas ventás con pequenos balaústres de ferro fundido, o corpo superior presenta nos panos laterais uns paneis cerámicos de azulexos que utilizan as cores branca e verde para presentar debuxos xeométricos.

O seu estado

O edificio presenta un avanzado estado de deterioración a causa da falta de uso e da ausencia de conservación. Sen cuberta, soamente conserva en pé as fachadas, das cales, presentan un interese especial a principal do cine e a lateral suroeste, na cal se acaroa a estrutura porticada da cantina.

Dadas estas características, Cultura considera que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección integral e de protección ambiental. A partir de agora, as intervencións que se pretendan realizar nas edificacións identificadas nesta incoación, así como na contorna de protección que se define a seguir, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Pode que che interese...