fbpx
Unha imaxe da fortaleza de Sarria de finais do século XIX / Galipedia

Polémica en Sarria pola intención de construír un hotel no seu castelo medieval

Tempo de lectura: 3 min.

Os actuais propietarios da Fortaleza medieval de Sarria, coñecida popularmente como Torre do Batallón quere construír un hotel nos terreos nos que se sitúa este monumento, tras descubrir que son urbanizables. Unhas intencións que chocan coas do Concello.

Os propietarios queren desenvolver un proxecto que inclúe un hotel con encanto que inclúe a rehabilitación da actual torre para convertelo nunha referencia para o turismo, nun punto importante do Camiño de Santiago. Consultaron a viabilidade do proxecto en Patrimonio, e recibiron o visto e prace dos técnicos.

Pero o Concello non está pola labor e, en conversas coa familia, propuxo comprar a Fortaleza, segregándoa do resto da propiedade, xa que descartou o plan inicial ata que se aprobe o Plan especial de Urbanismo do Concello. Non obstante, a pesar dos encontros, aínda non houbo achegas significativas entre as partes.

O PPdeG criticou xa á alcaldesa socialista á que acusa de triplicar o valor da Fortaleza ata o millón de euros a pesar de que, segundo eles, existen informes municipais que a contradín e que fixan o seu prezo en 328.000 euros. Tamén din que os propietarios puxeron á venda a propiedade a través dunha inmobiliaria por 400.000 euros e non atoparon comprador.

Pola súa banda, o Concello insiste en que volverá retomar as negociacións cos propietarios do castelo ata que estea aprobado o plan especial. O motivo, tal e como explicou a alcaldesa, é que o documento contempla que o terreo no que sitúa o monumento pase a ser dotacional en lugar de urbano como os donos indican que está actualmente. “É o mesmo plan que foi redactado co PP no goberno, polo que esperemos que o apoien para que poida estar aprobado antes dun ano”, manifestou a rexedora, Pilar López, segundo recolle La Voz de Galicia.

Única torre que se conserva da Fortaleza medieval de Sarria / Galipedia

Unha fortaleza medieval derrubada polos irmandiños

Descoñécese a orixe da construción que algúns historiadores fixan no século XII, cando Gutierre Ruiz de Castro adquiriu o señorío de Sarria por medio do seu matrimonio con Elvira Osorio, filla de Suer Yañez de Moura.

A fortificación, asentada nun antigo castro, foi arrasada polos sublevados irmandiños no transcurso da Gran Guerra Irmandiña, por volta de 1467. E construída tras ser sufocada a revolta. A edificación foi obxecto de varios asedios a finais do século XV durante as guerras entre o Conde de Trastámara, o de Lemos e o mariscal Álvaro González de Ribadeneira, o que fixo que os Reis Católicos a tomasen baixo a súa protección e evitasen o seu derrubamento. O motivo foi a súa presenza no Camiño de Santiago.

Até o século XVII serviu como prisión, e estivo habitada até 1730 polo correxidor, Xustiza Maior ou Meiriño Maior das cinco pobras do Marquesado de Sarria: A Pobra de Sarria, Santo Estevo da Pobra de Neira de Susao, San Xillao da Pobra e A Pobra de Triacastela.

Após o seu paulatino abandono, en 1860 unha metade foi adquirida polo avogado e político Manuel Pérez Batallón, veciño de Sarria, que procedeu ao reenchido dos profundos foxos defensivos, o seu desentullo, a súa anexión á súa horta e casa, o levantamento dun muro de peche de toda as propiedades, e a reparación da torre coa colocación da escaleira que aínda existe.

Pola súa banda, o Concello de Sarria adquiriu a outra metade da fortaleza, e procedeu á total explanación do seu terreo e á eliminación de todo o resto das defensas e fosos, para a ampliación do campo da feira.

Fontes: La Voz de Galicia, patrimoniogalegoGalipedia

Pode que che interese...