Propostas para descubrir o teatro e anfiteatro romanos de Lugo
Existen teatro e anfiteatro romanos en Lugo? Esa é a gran pregunta que nos últimos meses se están facendo distintos investigadores logo da repercusión mediática que tivo a proposta realizada polo arquitecto Carlos Sánchez-Montaña que suxire que estas infraestruturas se poderían atopar na actual Praza Maior e na zona do Carme, respectivamente, da capital lucense.
E como saber se se atopaban alí? Sánchez-Montaña propón a realización dunha investigación efectuada con xeorradar –unha técnica que permite descubrir estruturas baixo a terra–, para comprobar se existe unha posible cimentación que avale a súa teoría. Para facelo aposta, ademais, pola realización dunha campaña de mecenado que permita o patrocinio destas investigacións. A súa proposta é moi semellante á realizada polo profesor da Universidade de Córdoba Antonio Monterroso que tamén cre que descubriu un anfiteatro romano en Torreparedones, entre os termos municipais de Catro del Río e Baena, na provincia cordobesa.
O obxectivo é segundo Sánchez Montaña, “construír un produto turístico que os cidadáns do mundo queiran coñecer e os cidadáns de Lugo queiran mostrar”, segundo recolle La Voz de Galicia. Basea a súa proposta nunha marca que reúna todos os activos romanos que xa existen e os novos. O arquitecto xa lle presentou o seu proxecto á concelleira de Cultura, Carmen Basandre. Non obstante, tanto o concello como outros investigadores non se amosan moi convencidos, polo momento, das teorías do arquitecto lucense.
Como sería o anfiteatro?
Sánchez-Montaña apunta que sería de tamaño reducido para a súa tipoloxía, cunha capacidade para aproximadamente 2.800 espectadores, de acordo co número de habitantes da cidade de Lucus Augusti. Posuiría unhas dimensións exteriores de 234 x 216 pés, (69.26 x 63.93 m.) en ambos os eixes, que son múltiplos das dimensións 13 e 12 que compoñen a escuadra pitagórica que rexe a xeometría da cidade e os seus edificios.
Ademais, asegura que anfiteatro está situado no exterior da urbe, no camiño de acceso á porta principal da cidade, que desde o decumanus máximo comunicaba directamente coa vía proveniente de Braccara Augusta, o río Miño e as termas medicinais existentes na súa beira. Nesta ladeira construíronse ao longo do século I d.C. ademais do anfiteatro, a palestra dos gladiadores, o templo de Isis, (de acordo ao mandato expreso de Augusto), e o templo de Venus.
Segundo apunta no seu blog, o eixe principal do anfiteatro, que o é tamén da palestra, nace xeometricamente no centro da porta do templo de Isis e termina na porta do templo de Venus. Esta xeometría urbana explica a estudada relación dos edificios nesta zona. Este eixe principal segue a dirección marcada pola devandita escuadra pitagórica.
Túnel da Muralla
Por outra banda, seguen as diferenzas entre Xunta e Concello sobre a musealización do túnel atopado no interior da Muralla. Ambas as administracións se acusan da súa paralización. Así, a Xunta asegura que o Concello non lle cede os terreos que necesita para a súa musealización e o Concello critica que Patrimonio non ten ningún proxecto, aínda, enriba da mesa.