Muralla Romana de Lugo / panoramio.com

Queren impulsar unha gran ruta que una Oviedo con Lugo, a Vía Regia do Norte

A Deputación de Lugo e alcaldes de concellos galegos e asturianos defenden a recuperación da Vía Regia do Norte, así como o seu recoñecemento oficial por parte da Xunta de Galicia, como ruta histórica de peregrinación a Compostela, dentro do Camiño Norte a Santiago.

De feito, a Deputación de Lugo acaba de presentar un estudo no que se fai unha análise sobre o trazado histórico do treito Lugo-A Pontenova. Este informe mantén que a Ruta de Abres é a variante máis antiga do Camiño do Norte que entra en Galicia desde o Río Eo e discorre polo Camiño Real de Meira, achegando os camiñantes á cidade de Lugo.

Con todo, este camiño é o único de todas as alternativas xacobeas que non obtivo recoñecemento oficial, xa que non se incluíu no decreto de delimitación oficial da Ruta da Costa (DOG do 23 de decembro de 2014). Do mesmo xeito, tampouco se oficializou o Camiño Real de Meira no decreto de delimitación do Camiño Primitivo (DOG do 31 de decembro de 2012).

Distintos camiños de Santiago / arquivoltas.com

O estudo apunta que a pesares da falta de sinalización, esta ruta estase a consolidar entre os camiñantes que se achegan a Lugo. Por todo o anterior, o Goberno da Deputación e os Concellos polos que discorre a Vía Rexia buscan impulsar medidas de protección e recuperación, así como o seu recoñecemento oficial, co obxectivo de potenciar a economía mediante a posta en valor dos recursos patrimoniais, históricos, culturais e ambientais, que ofrece esta antiga variante do Camiño.

Tras a presentación dos primeiros resultados deste estudo, asinaron convenios de colaboración intermunicipal para traballar conxuntamente desde os Concellos de Galicia e Asturias na procura de financiamento para a elaboración dun proxecto técnico de recuperación e protección da Vía Regia do Norte.

Concellos e Deputación, implicados

O Presidente explicou que a Deputación seguirá avanzando con medios propios na elaboración do estudo sobre o conxunto do trazado previo e necesario ao proxecto técnico para o que se busca financiamento. Campos Conde avanzou que o organismo provincial tamén se implicará na promoción da Vía. De feito, o Pleno Provincial desta institución xa aprobou por unanimidade reclamar ao Executivo de Feijóo na Xunta de Galicia o recoñecemento ofical da Vía Rexia do Norte.

Neste encontro participou, ademais do presidente provincial, Darío Campos, o Alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez; o Alcalde de Vegadeo, César Álvarez Fernández; a Alcaldesa de San Tirso de Abres, María Goretti Quintana Rey; o Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González; o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra; o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro; o historiador Ricardo Polín; o ex Director do Castro de Viladonga, Felipe Arias; a actual Directora do Castro de Viladonga, Elena Varela; así como representantes dos Concellos de Pol e Lugo, ademais de técnicos provinciais.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: