fbpx
Ofelia Rey Catelao, catedrática de Historia Moderna na USC / Laura Dalama - Noitabrega

Rachando os tópicos da Galicia moderna: non había tantas árbores, nin tantos fidalgos, nin tanta Igrexa

Tempo de lectura: 2 min.

Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna na USC, e con 40 anos de docencia ás costas, non ten reparos en falar alto e claro sobre temas espiñosos da historia e da docencia deste país.

Nunha interesante entrevista realizada por Javier Domínguez en Noitábrega, Rey Castelao fala da privatización da educación, da creación dos mitos sobre o Camiño de Santiago, a súa turistización ou sobre a presenza da muller no ámbito da historiografía. Pero tamén racha con algúns dos tópicos da historia de Galicia, especialmente, aqueles da Idade Moderna, da que é especialista.

E cales son eses tópicos:

a) Galicia como unha paisaxe verde, chea de fragas e carballeiras

Verde era, pero con moi poucas árbores. Esa é a natureza de Galicia, incluso se se collen fotos de antes dos anos 60 do século XX. A masa arbórea estaba onde tiñan que estar, pero onde hai unha agricultura evolucionada a árbore molesta. Ademais, Galicia non é unha área climática propicia para as árbores. En 1752, a zona con árbores non chegaba ao 2% do territorio total e agora supera o 65%.

b) A importancia do pago de impostos/décimos ao señor de xurisdición territorial

Os dereitos señoriais eran estatisticamente pequenos. Dentro da colleita, se un campesiño normal pagaba arredor do 35% do total, para o señorío iría o 0,5% – 1%. En cambio, o 10% recaía no décimo eclesiástico, aínda que socialmente estaba bastante diversificado. Con todo, dese décimo o 50% quedaba para os curas párrocos, do cal se sustentaban na súa maioría.

c) A aparente loita (inventada) duns señores locais contra o Estado Central (a partir dos Reis Católicos). É dicir, unha especie de loita entre periferia e centro

Os Reis Católicos fan unha reforma moi profunda, e os que non estiveron con eles tiveron que poñerse. A antiga nobreza galega pasa a ser unha nobreza cortesá, pero tamén se vai extinguindo bioloxicamente. O que queda en Galicia é un sector moi poderoso pero que non posúe unha gran capacidade de movemento unha vez que o Estado se converte nun ente administrativo, sobre todo cando non estaba disposto a colaborar. Na súa identificación vense como representantes do territorio, pero representábanse a sí mesmos e aos seus intereses. Por exemplo, en plena guerra con Portugal reclamáronlle a Felipe IV a fidalguía universal para os galegos. A verdade é que se referían a unhas trescentas familias galegas que tiñan sona de fidalguía, pero non papel que o acreditase.

d) A referencia a Galicia coma a un inmenso couto monástico

Pero en cambio non é. O poder señorial dos mosteiros era importante, mais comparando co resto dos grupos poderosos é o que menos. Os mosteiros e conventos non posuían poder señorial salvo excepcións, caso de trece ou catorce beneditinos e outros tantos cistercienses. Realmente o poder estaba nas mans da fidalguía, seguido de lonxe do clero secular (bispos e cabildos). Ademais, para poñernos en situación, en toda Galicia hai tantos mosteiros coma na cidade de Sevilla, pero, claro, dinnos que Galicia é monástica.

Pode que che interese...