fbpx
Recreación da illa de Cortegada, na Ría de Arousa

Reconstrúen o poboado de Cortegada, a illa que puido ser base viquinga e pazo de reis

Tempo de lectura: 2 min.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, da man de Oftefor acaba de elaborar un vídeo que reconstrúe con medidas auténticas o poboado que serviu de acubillo aos últimos habitantes da illa de Cortegada, fronte a Carril, hoxe no concello de Vilagarcía de Arousa.

“Este é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso de recuperación ambiental e tamén humana de Cortegada”, segundo recolle o FB do parque Illas Atlánticas.

Murguía recolle que esta illa serviu de base de varias expedicións viquingas; a comandada por Gundaredo alá polo ano 968 coa expedición de cen navíos e que seica botou en Galicia 3 anos e atravasou o país ás súas anchas ata traspasar os Montes do Cebreiro, segundo a Crónica de Sampiro. E tamén a de Olaf Haraldson alá polo ano 1014. Este último chegaría a categoría de Santo en Noruega, malia desfacer a catedral de Tui nas súas correrías e privala de ser sé episcopal por máis de 60 anos.

Ruínas da aldea de Cortegada / Elixio Vieites

En Cortegada, aventura Murguía, que o santo Olaf fixo un punto base para as súas partidas polo Ulla cara a Compostela para ir a desfacer, queimar, e roubarlle o ouro do templo ao outro santo que entrara había séculos río arriba tamén en barco e que tiña por nome Santiago. De feito, e tal e como publicou Elixio Vietes en Historia de Galicia na illa atópanse os topónimos Monte da Torre e Torre de Arriba.

A illa do rei

Cortegada tamén e coñecida polo longo conflito que enfrontou aos veciños coa Coroa española. A illa foi regalada ao rei Alfonso XIII para que este construíse no seu territorio a súa residencia de verán. Crían así os mandatarios daquela época que se daría un impulso tremendo ao turismo en Vilagarcía que pasaría a converterse na capital de verán das Rías Baixas.

Con todo, os plans torcéronse e Cortegada pasou a ser propiedade dunha inmobiliaria que mesmo se expuxo construír no seu corazón unha gran urbanización similar á que hai actualmente na Toxa. Afortunadamente non foi así. No ano 2007, e tras unha loita veciñal intensa durante anos, Cortegada volvía ao pobo despois de que a Xunta de Galicia aboase a cantidade fixada no proceso de expropiación.

 

Cortegada actual pniag 2014 from Islas Atlanticas on Vimeo.

Pode que che interese...