Man diante da súa casa, en Camelle / caminodosfaros.com

Recuperan a casa de Man, o alemán que morreu de tristura polo Prestige

Manfred Gnädinger (Radolfzell, 27 de xaneiro de 1936 – Camelle, 28 de decembro de 2002), foi un pintor e escultor coñecido como Man o Alemán, que creou na vila de Camelle todo un museo vivo en completa simbiose coa natureza e o mar. Man foi un anacoreta moderno que morreu en 2002 despois de ver con impotencia como toda a súa creación era, en gran parte, destruída pola marea negra provocada polo afundimento do Prestige.

Quen o coñecía asegura que Man, o home que non tiña medo nin á chuvia, nin ao vento, nin aos temporais, nin ás frías augas do oceáno que o enchoupaban en inverno, morreu de pena. Unha pena e unha tristura que aínda se pode ver en todo o espazo que creou, e que foi morrendo e esmorecendo con el… Ata agora.

A casa de Man cobra nova vida

O Concello de Camariñas e a Deputación da Coruña veñen de asinar un acordo para a reparación e conservación do, hoxe abandonadao e irrecoñecible, fogar do artista. A caseta, construída por el e polos veciños, era o seu centro de operacións identitario, o seu refuxio e museo íntimo no que gardaba os seus segredos: autorretratos, opinións e debuxos de visitantes, a obra gráfica, pertenzas persoais, etc.

A casa de Man, en Camelle, no 2005 / acostadamorteenpocaspalabras

Impedir que todo isto veña abaixo, borrando parte dos rastros da obra que aínda hai no interior da casa, é a razón principal que xustifica a proposta de reparación e conservación agora aprobada. Por iso, como primeira actuación proponse a limpeza selectiva do interior da caseta pois, aínda que xa non contén cascallos, existe materia orgánica na rocha e terra nas súas fendas. Do mesmo xeito cómpre a descuberta de todos aqueles ocos e elementos traballados, tanto nas paredes coma na rocha, que serviron de apoio a outros materiais, principalmente madeiras, cos que se sustentaban o chan e escaso mobiliario, case todo el estantes.

Segundo recolle a proposta realizada por CREUSeCARRASCO arquitectos, trátase de recuperar, en todo o posible, os soportes e bases que serviron de apoio ás pezas do imaxinario de Man que enchían toda a estancia. Así, actuarase nas bases da vivenda, nos seus paramentos, na cuberta, no tellado, no piso e no interior, onde se tentará recrear o aspecto que tiña antes da súa morte.

Longo proceso

Despois de diferentes iniciativas, como a creación da Fundación Man de Camelle ou o movemento cultural e veciñal, que traballou na busca de recoñecemento da súa figura e do seu legado, non foi ata maio de 2009 cando se redactou unha proposta para a declaración do museo como Ben de Interese Cultural (BIC).

Tamén se redactou un Plan Especial coa intención de “delimitar un ámbito que defina a contorna intervida por Man e permita canalizar calquera tipo de actuación dentro dun documento marco cuxo obxectivo sexa explicar o territorio polo que se movía Man, o seu hábitat e a súa interacción co medio”. Ademais, como actuación urxente, o documento recolle unha proposta para a Rehabilitación da Casa de Man como peza fundamental para iniciar a recuperación do seu legado.

En outubro de 2012, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Camariñas (PXOM), recolleu no seu Plano de Clasificación e Calificación do Solo do Término Municipal (folla D-1) un ámbito de Protección de Elementos Arquitectónicos arredor do Museo e, no seu Catálogo de Patrimonio Cultural, o Museo de Man (ficha A_116) como un ben patrimonial catalogado. A recuperación da súa casa era xa parte desa proposta inicial feita hai xa oito anos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: