Igrexa de San Paio de Diamondi, co pazo arcebispal restaurado tras a caída dun muro / foros.xenealoxia.org

Restauran unha xoia románica en Lugo

A igrexa de San Paio de Diomondi, e os veciños desta aldea do Saviñao, poden xa respirar tranquilos. O tellado do templo, que corría serio risco, será restaurado. Para iso, a Consellería de Cultura adxudicou o ano pasado as actuacións á firma Gómez Crespo por un importe de 105.512 euros.

A Igrexa está anexa ao Pazo episcopal medieval, que era a residencia de verán dos bispos de Lugo, e que tamén sufriu o derrubamento dun dos seus muros en 2015 pola situación de abandono na que se atopaba. Por iso, o obxectivo deste proxecto, segundo a Xunta, é evitar a deterioración do templo, que data posiblemente do século XII e é un dos exemplos máis representativos do esplendor da arte románica nesta zona de Lugo.

O tellado tiña graves filtracións de auga e, nunha visita realizada o pasado ano, os técnicos comprobaron que parte do artesoado estaba practicamente inservible. O sistema de canlóns tamén estaba obsoleto e as tellas presentaban problemas graves, polo que a auga de choiva filtrábase ata o teitume interior de madeira e escorregaba pola fachada.

Por iso, nesta intervención retirarase a cuberta exterior do templo, restaurarase o artesoado interior de madeira e colocarase sobre el un novo revestimento de tellas. Ademais, renovarase o sistema de evacuación de augas pluviais. Cando a cuberta nova estea instalada, os operarios procederán a limpar toda a fachada principal do templo, a máis danada polas filtracións de auga.

Segunda gran obra en Diamondi

No 2015, a Consellería de Cultura tivo que destinar 208.209 euros a recuperar o pazo episcopal anexo á igrexa, que se derrubou no ano 2011 debido a que as paredes do edificio estaban moi deterioradas polo efecto da auga, ata o punto de que se colapsaron.

Fonte: galiciae

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: