fbpx
Igrexa de Santiago de Traba, da que levaron varios santos en 2012 / foto agalicia.com

Seguen sen aparecer as nove imaxes barrocas roubadas en igrexas de Laxe

Tempo de lectura: 2 min.

Xa pasaron máis de catro anos do roubo de nove valiosas imaxes barrocas nas igrexas de Nande e Traba (Laxe) e, polo momento, non se sabe o seu paradeiro. A historia volveuse repetir, tal e como aconteceu nos anos 80 e nos 90. Unha das causas pode ser o abandono crecente das casas reitorais tras o falecemento dos párrocos vellos.

Os retablos quedaron sen 300 anos de historia. Os ladróns levaron obras dun anónimo artista compostelán –da escola de Mateo de Prado, o mellor escultor do séc. XVII galego- entre 1720 e 1726. As súas imaxes eran do melloriño do estilo barroco de todo o arciprestado de Soneira; en particular, a figura de san Roque, que, como lembra o investigador Xosé María Lema “engaiolaba pola súa grande expresividade, co dedo ergueito cara á súa boca entreaberta que parece estar chamando a atención ao anxo regordete que camiña aos seus pés sinalando a ferida da súa coxa (lémbrese que san Roque era o avogado contra a peste)”.

Inmaculada da Igrexa de Nande, en Laxe, roubada en 2012 / X.M. Lema

Tamén levaron unha Inmaculada –que segue a tipoloxía creada polo escultor andaluz Alonso Cano-, un san Xosé e un san Gregorio tamén dunha feitura moi coidada. “Nas súas vestiduras chama a atención o seu rico cromatismo e as acartoadas dobras, case metálicas. Non estou a falar a touro pasado: entre as páxinas 352 e 358 do tomo III da obra citada xa destacaba a notable calidade destas figuras”, engade Lema nun artigo en Que Pasa na Costa.

Os roubos dos Franco

Non era a primeira vez que ocorría na zona, porque no 2011 faltaron as campás da capela de Alborís e da igrexa de Numide, no veciño municipio de Tordoia. Tampouco máis se soubo delas.  Tamén houbo outros casos de desaparición de pezas importantes na Costa da Morte, sobre todo, de pezas da Igrexa de Moraime que se sacaron durante as escavacións arqueolóxicas de Chamoso Lamas a partir de 1972.

Tamén, e como recolle La Voz de Galicia, do que si existe constancia, en época bastante anterior, segundo explica o historiador Manuel Vilar, é dunha pedra en concreto “que lle gustou á muller de Franco, que a quería para o Pazo de Meirás“, polo que, obviamente, levárona sen oposición.

Pode que che interese...