fbpx
Parque do Pasatempo, en Betanzos, o primeiro gran parque temático europeo / mapio.net

Sen acordo para arranxar o parque do Pasatempo de Betanzos, o máis antigo de Europa

Tempo de lectura: 2 min.

Nin a Consellería de Cultura, nin o Concello de Betanzos se poñen de acordo sobre a recuperación e as competencias para restaurar o que, como xa informou esta web, pasa por ser o parque temático máis antigo de toda Europa, o Pasatempo de Betanzos. Un parque que se atopa en estado de case abandono e moi mal conservado.

directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, mantivo este mércores unha reunión de traballo co alcalde de Betanzos, Ramón García, para abordar a situación deste parque e a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), porque, a pesar da súa importancia, aínda non ten esa protección.

Neste sentido, e tendo en conta a singularidade deste espazo emblemático, a consellería dixo que ofrecerá todo o apoio técnico necesario para favorecer e facilitar a súa declaración como BIC. A directora xeral do Patrimonio Cultural comprometeuse co mandatario local a revisar toda a documentación, e trasladoulle que a Consellería de Cultura porá a disposición do Concello “todo o apoio técnico necesario” para a declaración deste parque como BIC.

Estanque do Retiro, no Parque do Pasatempo de Betanzos / Galipedia

Canto custa a súa recuperación

Porén, a Xunta insiste que o mantemento e xestión correspóndelle por lei ao propietario do ben que, neste caso, é o Concello de Betanzos. Por iso, máis alá da súa declaración como BIC non correrá con ningún custe para a súa rehabilitación, tal e como lle pide o concello. Quen si anunciou que axudará a súa posta en valor é a Deputación da Coruña que xa anunciou unha achega de 100.000 euros.

Precisamente, deputación e concello buscaban a sinatura dun convenio tripartito, coa Xunta, para a súa posta en valor, acordo que, polo momento, e tras a negativa de Cultura, non será posible. A total recuperación deste parque custará 1,3 millóns de euros.

“Xardín histórico”

A declaración BIC do parque do Pasatempo encaixa na categoría de “Xardín histórico”, polo que se convertería no cuarto espazo baixo este recoñecemento, que a día de hoxe en Galicia ostentan o Xardín da Vila de Padrón, o Parque do Pazo de Quiñones de León en Castrelos e o Pazo da Pastora (tamén coñecido como Santo Tomé de Freixeiro), ambos os dous en Vigo.

O parque do Pasatempo, construído por iniciativa de Juan García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX, foi concibido coma un parque temático que lle brindaba á sociedade da época a posibilidade de coñecer outros países e culturas a través dun espazo perfectamente deseñado cun fin didáctico, e nunha contorna periférica pero próxima ao conxunto histórico de Betanzos.

A súa singularidade -que o fai sobranceiro- reside en que é o único xardín didáctico destas características en Galicia e practicamente en España, e que destaca tanto pola propia extensión do espazo, polos materiais utilizados e polas formas empregadas nas esculturas, traballos ornamentais e as naturezas recreadas. Ademais leva implícito un valor inmaterial tamén excepcional relacionada coa acción filantrópica exercida polos irmáns García Naveira para os seus concidadáns naquel momento e que hoxe forma parte da memoria da vila de Betanzos con outros múltiples exemplos aínda

Pode que che interese...