fbpx
O historiador e arqueólogo Ramón Patiño / atlantico.net

O arqueólogo e historiador Ramón Patiño recoñecido como Vigués Distinguido de 2017

Tempo de lectura: < 1 min.

O arqueólogo e historiador Ramón Patiño será unha das personalidades recoñecidas este ano como Vigueses Distinguidos. Así o decidiu este luns a Xunta de Portavoces do Concello de Vigo.

Ademais de Patiño, un gran coñecedor do patrimonio arqueolóxico mariño, este recoñecemento recaerá no Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo; no empresario José Silveira Cañizares; na escola de música Mayeusis; na catedrática de Filosofía Mercedes Oliveira; nos colexios de Fomento, Acacias e Montecastelo; e na Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do Casco Vello.

Por outra banda, este ano recoñecerase coa Medalla da Cidade, ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), que cumpre o seu centenario en 2017, e que xa hai unha década foi galardoado co recoñecemento de Vigués Distinguido.

Desacordos

A elección de Vigueses Distinguidos estivo rodeada de certa polémica nos últimos anos. Así, o máximo recoñecemento que outorga a cidade non sempre concitou a unanimidade de todos os grupos municipais: en 2016, a proposta do PP de distinguir á Red Madre atopouse coa oposición frontal de PSOE e Marea que, en cambio, votaron a proposta de última hora de premiar a Cáritas (os responsables desta ONG declinaron recollelo por como se tomou a decisión).
Así mesmo, houbo outras candidaturas en anos anteriores que tampouco gozaron do apoio de todos os corporativos. Foi o caso da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ambas obtiveron o voto negativo do PP); ou o Colexio Aloya (a cuxo recoñecemento se opuxo o BNG).

Pode que che interese...