fbpx
Ramón María del Valle-Inclán / www.jotdown.es

Unha guía para coñecer as casas-museo de Valle-Inclán na Arousa

Tempo de lectura: < 1 min.

As Casas-Museo de Valle-Inclán de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e A Pobra do Caramiñal (A Coruña) contan por primeira vez cunha guía conxunta que incorpora tamén as rutas relacionadas co escritor e intelectual galego en ambos os municipios.

“As dúas casas-museo teñen nesta guía un material valioso co que dar a coñecer a riqueza que albergan as súas coleccións, a historia dos propios mobles e das pezas nos que se exhiben e os edificios que lles dan acubillo”, subliñou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo durante a presentación desta guía. Tamén lembrou que esta información se ilustra con numerosas imaxes das pezas e espazos comentados e acompáñase de contidos dedicados ás rutas valleinclanianas nos concellos de Vilanova e da Pobra.

Ademais dos visitantes das casas-museo, as persoas interesadas tamén poden conseguir a guía solicitándoa a través da páxina web da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e aboando os portes do envío postal.

A publicación, promovida pola Consellería de Cultura, foi presentada este martes en rolda de prensa por Lorenzo; polo alcalde e o tenente de alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán e Javier Tourís; pola directora do museo local, Patricia César Conde, e polo director do museo pobrense, Antonio González Millán.

A “suma de esforzos e o traballo coordinado” entre as dúas casas-museo, os seus respectivos concellos e a Xunta de Galicia son “a base na que se sustenta esta guía”, explicou Anxo Lorenzo, quen lembrou que a publicación nace ao amparo das iniciativas promovidas con motivo do 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán, unha celebración que tivo lugar en 2016.

Pode que che interese...