Unha das primeiras locomotoras do ferrocarril de Galicia / patrimoniovilagarcia.net
Unha das primeiras locomotoras do ferrocarril de Galicia / patrimoniovilagarcia.net

Xa se poden coñecer case todos os segredos da economía galega do XIX e XX

Calquera persoa pode agora coñecer, desde agora, os segredos económicos da Galicia dos últimos douscentos anos… O desenvolvemento do ferrocarril a mediados do século XIX, o impulso dunha Caixa de Aforros e Monte de Piedade en Santiago, a contribución a unha sucursal do Banco de España en Compostela, ou a promoción de diversas escolas son algúns dos fitos da entidade, na que participaron, entre outros, Juan Armada, marqués de Santa Cruz, ou profesores como Antonio Casares e Domingo Fontán.

E como se pode facer?. Pois a través dunha nova plataforma web que inclúe máis de 160.000 documentos históricos dixitalizados para a súa conservación e consulta libre, datados dos séculos XIX e XX, que abordan os diferentes aspectos históricos da economía galega, como a emigración, a pesca, a agricultura ou a construción do ferrocarril.

O ferreiro de Cerdido, José Fraguela, inventor dun arado, xunto coa súa irmá / Galicia Agraria

A iniciativa xorde da colaboración entre a Fundación Barrié de la Maza e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, co dobre obxectivo de conservar e difundir o patrimonio que representan os fondos documentais do arquivo desta entidade.

Desde discursos científicos ata estudos de “Artes e Xeito”

Entre os documentos dixitalizados atópanse diversos estudos científicos destinados a solucionar diversas problemáticas económicas da época, como os foros, a minaría, a extracción abusiva de lagosta, ou as crises de gando vacún. Algúns destes informes abordan o estudo das ‘Artes e Xeito’, sobre as consecuencias dos aparellos pesqueiros, outro sobre os efectos das aves na agricultura, ou un texto que demostra a inexistencia de exceso de poboación en galega, entre outros.

Doutra banda, tamén se atopan publicacións periódicas datadas do século XIX e principios do século XX xunto coas que editaba a propia Sociedade, como ‘Revista Económica’ e ‘El Centenario’.

Algúns destes documentos contan “con máis de 200 anos de antigüidade”, segundo destacaron en rolda de prensa o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: