fbpx
Petróglifos atopados en Lagucheiros, no monte de San Xulián en Marín / Monte Pituco

Aparecen tres novas estacións de arte rupestre no Monte de San Xulián, en Marín

Tempo de lectura: 3 min.

Tres novas estacións de arte rupestre veñen de ser descubertas no lugar da Carrasca, no monte comunal de San Xulián, en Marín, segundo informan desde a asociación Defende o Monte Pituco. A delegación territorial en Pontevedra do Servizo de Patrimonio Cultural xa foi informada da súa existencia para que se proceda á súa catalogación como Bens de Interese Cultural (BIC) ao abeiro das garantías de protección e conservación que contempla a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Destaca un dos elementos atopados, con forma cuadrangular e reticular, xa que en Marín non se tiña inventariado ningún petróglifo destas características e no Morrazo son moi escasos. Ao seu carón tamén se identifican o que semella ser una figura zoomorfa e outros trazos que os técnicos terán que analizar para a súa identificación.

Petróglifo da Carrasca, atopado no Monte de San Xulián, en Marín / Monte Pituco

Un segundo conxunto está formado por varias cazoletas ou coviñas. E o terceiro grupo é unha pequena combinación de círculos concéntricos nunha rocha que quedou ao descuberto trala caída dun eucalipto que lle medrara enriba. Precisamente, estes achados atópanse na mesma zona da Carrasca onde xa hai catalogados como BIC outros seis xacementos arqueolóxicos. Un deles -o conxunto número 5- resultou agredido a finais do pasado ano como consecuencia duns traballos de desbroce encargados pola Comunidade de Montes de San Xulián sen as preceptivas medidas de sinalización previa e de control arqueolóxico.

“Ademais, trátase dun lugar con masa forestal a base de eucaliptos e piñeiros; especies pirófitas que, en caso de producirse un incendio, terían un efecto devastador nestes gravados, cuxa antigüidade se remonta á Idade do Bronce”, informa esta entidade.

Outros xacementos

O naturalista e bo coñecedor do patrimonio marinense Paulo Troitiño é o autor destes descubrimentos, aos que se suma a localización doutro posible conxunto arqueolóxico en Chan de Lagucheiros, na parroquia de San Tomé de Piñeiro, preto da mámoa catalogada como Lagucheiros nº2. A rocha, en cuxa descuberta tamén participou Alfredo Velo, contén dúas pías ben traballadas e algunha cazoleta.

Asemade, os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural foron informados da presenza doutro posible conxunto rupestre no lugar de Xuncal, pertencente á parroquia de Ardán, atopado por Cándido Martínez, do colectivo ecoloxista Luita Verde. Os motivos gravados son varias cazoletas ou coviñas de distintos tamaños, diámetros e profundidades, algunhas delas unidas entre si. Neste caso, a rocha -ao carón dunha estrada- puido ser desprazada do seu lugar orixinal para acomodala no muro dunha finca, preto do rego das Gorgadas.

Petróglifo do Xuncal, no Monte de San Xulián, en Marín / Monte Pituco

Críticas ao Concello de Marín

Diante da participación da Asociación Monte Pituco na próxima Comisión Informativa de Cultura do Concello de Marín para urxir os responsables municipais a tomar medidas de protección, a posta en valor e a conservación do patrimonio arqueolóxico, esta entidade veciñal incide na trascendencia dos novos achados que veñen enriquecer o legado prehistórico da vila, e en particular, reforzar o peso da parroquia de San Xulián nese inventario.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo secundan esta postura e, ademais, inciden na necesidade de que o Concello de Marín deixe de centrarse exclusivamente na atención aos petróglifos de Mogor para preocuparse tamén pola protección e posta en valor dos gravados ruspestres situados ao longo do ámbito municipal, tanto no rural como en chan rústico forestal e de espazos naturais, achegando os sendeiros -aos bens e en consonancia coa correcta ordenación do territorio.

Pode que che interese...