fbpx
Centro de Interpretación das ruinas romanas de O Caldoval, que conservan o único balneario rústico romano reconstruído de Galicia / Coptisa

Balnearia, unha viaxe a través da auga desde a época romana ata aactualidade

Tempo de lectura: 3 min.

A Cidade da Cultura acolle desde este mércores ‘Balnearia’, un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia que pode visitarse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o vindeiro 31 de xullo.

A mostra permite –a través de libros, textos e imaxes– facer unha viaxe pola historia de Galicia a través das augas, desde a época romana ata a actualidade, pasando pola época de maior esplendor que supuxo a creación das primeiras vilas turísticas de Galicia convertidas en centros de moda pola aristocracia e a burguesía.

Restos das termas romanas no Balneario de Lugo / terrasdaauga

Así, amosa unha pequena selección gráfica e bibliográfica do mundo impreso que acompaña o fenómeno social das augas e dos balnearios do país desde o seu nacemento. A maioría das pezas (libros, folletos, publicacións, carteis, postais de grande tamaño, selos…) proceden da propia Biblioteca de Galicia, que se completan con outras procedentes da achega xenerosa de coleccionistas particulares.

Uso e gozo das augas minero-medicinais

O proxecto expositivo arranca con referencias sobre o uso e o gozo das augas mineiro-medicinais nas fontes escritas clásicas desde a romanización para, posteriormente, abarcar a hidroloxía xeral de Galicia entre os séculos XVIII e XIX. A esta época pertencen numerosos estudos médicos e farmacéuticos sobre as propiedades das nosas augas e o seu uso terapéutico.

Se ben é certo que o seu uso mineral e termal é o tratamento máis antigo que o home empregou para combater as enfermidades, a popularidade dos balnearios medrou especialmente no século XIX convertidos, pola aristocracia primeiro e pola burguesía despois, en lugares de moda e de punto de encontro para as relacións sociais e culturais. E aí cando nace o gran proxecto industrial e de lecer da illa da Toxa, o de Mondariz Balneario, ou a vila termal de Cabreiroá. Xa a mediados do século XIX comeza a xurdir tamén a moda dos baños de mar, á que Galicia tampouco foi allea.

Todo este percorrido histórico pode verse a través desta mostra, na que tamén se trata o tema dos balnearios como escenario na literatura (El cisne de Vilamorta, de Pardo Bazán) e no cine a través de filmes como a película muda Miss Ledyia, e documentais sobre A Toxa, Mondariz e Cabreiroá, entre outros.

Inauguración de Balnearia, unha mostra sobre as augas minero-medicinais galegas desde Roma ata a actualidade / Xunta

150 pezas

A través de 150 pezas orixinais, a exposición “debuxa o mundo impreso que acompaña o fenómeno social das augas e os balnearios en Galicia”, subliñou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación, que tamén explicou que permite coñecer unha Galicia en constante cambio a través dos hábitos e costumes, dos gustos estéticos e dos modelos de produción e industrialización.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, salientou que desde hai moito tempo a auga é utilizada como materia prima para a cura de enfermidades, polo que non resulta estraño que moitos profesionais da saúde se dedicaran ao seu estudio.

De feito, na mostra amósase este interese e as contribucións realizadas por moitas destas persoas, entre as que salientou o papel do doutor Galdo, que foi xefe do servizo de Reumatoloxía do Hospital da Coruña e autor da Introdución á historia das augas minerais de Galicia; de Taboada y Leal, autor da primeira topografía médica que se publicou en Galicia; ou de Jimena Fernández de la Vega, unha das primeiras mulleres en licenciarse en Santiago, en ser premio extraordinario e en obter o doutormento en Medicina, que dirixiu os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipuzkoa) e de Lanjarón (Granada).

Pode que che interese...