fbpx
Espazo xeográfico onde tivo lugar a Batalla de Cacheiras, en Teo

A Batalla de Cacheiras, o enfrontamento que puido cambiar a historia de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

“Gallegos: españoles todos: ¡Viva la Reina libre!, ¡Viva la Constitución!, ¡Fuera extranjeros!, ¡Abajo el Dictador Narváez, ¡Abajo el sistema tributario!”, Miguel Solís ( 1846)

Hai 171 anos unha batalla puido cambiar o rumbo da historia de Galicia nun tempo no que xa había militares e políticos que consideraban que Galicia era tratada coma unha “auténtica colonia da corte Española”. Pero a batalla perdérona quen defendían eses ideais liberais progresistas, e Galicia volveu quedar esquecida para os políticos de Madrid. Esa confrontación militar tivo lugar en Cacheiras, no actual Concello de Teo, e coñécese como a Batalla de Cacheiras.

Foi o 23 de abril de 1846 cando aconteceu ese enfrontamento entre as tropas sublevadas do coronel Miguel Solís, apoiado por sectores liberais e galeguistas, e as tropas realistas do xeneral Gutiérrez de la Concha, que foron as que, finalmente, se fixeron coa vitoria. Unha vitoria que, en todo caso, deixou as sementes que darían lugar ao que, pouco despois, se coñecería como Rexurdimento.

O coronel Miguel Solís, protagonista do levantamento de 1846

O levantamento militar de Solís tivo lugar cunha España con moitos problemas territoriais e baixo a reinado dunha nena, Isabel II, que tiña daquela 13 anos de idade. Por iso, o poder era exercido polo presidente do Goberno central, o xeneral Narváez, con man dura, case dictatorial. Unha situación que derivou en numerosos motíns populares. E Galicia non foi allea a isto.

O levantamento

O 2 de abril de 1846 levantouse en Lugo o batallón mandado polo coronel Miguel Solís, e disolveuse o Consello Provincial e a Deputación. Outras prazas sumáronse nos días seguintes. O 15 de abril constituíuse en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galicia que pedía que se restituísen os dereitos históricos do antigo reino de Galicia.

A resposta de Narváez non se fixo agardar e enviou a Santiago, onde se atopaban os revolucionarios, outro exército ao mando do xeneral de la Concha. Os amotinados situáronse nun punto alto da contorna de Santiago -concretamente o espazo situado entre as casas da Ribeira e a cima de Montouto- para tentar sacar certa vantaxe do territorio. Pero o exército centralista fixo valer, finalmente, a súa gran superioridade numérica.

Os amotinados retiráronse a Compostela e refuxiáronse no mosteiro de San Martiño Pinario, pero acabaron rendéndose pouco despois. As represalias foron durísimas. As tropas españolas entraron en Compostela, saqueárona e mesmo incendiaron algunhas casas.

Placa en Carral en lembranza dos “mártires de Carral”, os militares asasinados logo do levantamento de 1846 / Galipedia

O vil asasinato

Os principais cabecillas da revolta, con Solís á fronte, foron sometidos a un xuízo severísimo tres días despois e axustizados en Carral, para evitar novas sublevacións nas principais cidades galegas. “Foi un espectáculo horroroso. Unha triste memoria”, escribiu o párroco de Carral sobre o axustizamento.

Solís foi fusilado no adro da igrexa de Paleo. O comandante Víctor Velasco e dez oficiais máis foron pasados polas armas na Fraga do Rei, entre Carral e Paleo. Foron enterrados o día seguinte no cemiterio de Paleo nunha foxa común. Hoxe, a súa memoria permanece moi viva entre os veciños de Carral, e de todo o país, e son coñecidos como os “mártires de Carral”, os “primeiros liberadores de Galicia”.

Tan viva que ata o Concello de Teo ten organizada unha carreira baixo o nome de Batalla de Cacheiras. Unha carreira que foi presentada este xoves e que tenta recorrer os lugares simbólicos polos que cruzou o exército de la Concha antes do seu enfrontamento cos homes de Solís.

Este é o vídeo sobre esta carreira con intervencións de destacados historiadores como Xosé María Lema ou Ramón Villares:

 

Pode que che interese...