Sinais colocados polos veciños para ir ás fervenzas do Toxa

Cando son os veciños os que teñen que sinalizar as fervenzas do Toxa

Os diferentes gobernos locais de Silleda prometeron e levaron a cabo certas actuacións para mellorar a sinalización para as Fervenzas do Toxa. Un dos principais enclaves turísticos, non só da comarca, senón tamén da Galicia interior. Con todo, e a pesar da colocación de sinais e paneis de información, a confusión dos excursionistas era e é moi frecuente. Ademais, a páxina web de información turística do Concello, no apartado de “como chegar” ás Fervenzas do Toxa, mostra que o enclave turístico está no municipio de Pazos de Borbén (da área metropolitana de Vigo).

Para isto, o actual goberno local propuxo ás veciñas e veciños de Pazos, un ambicioso novo plan de actuación, co cal se pretendía solucionar a maioría dos problemas. Este novo plan, consistía na dotación dun novo espazo de estacionamento de vehículos privados, a sinalización dunha nova ruta de acceso peonil e a colocación de novos sinais turísticos desde a estrada autonómica PO-204 (A Bandeira-Vila de Cruces).

Pero a mala colocación destes últimos creou nas últimas semanas maiores confusións aos excursionistas, que tiveron que pedir axuda aos habitantes de Pazos. “Coa chegada da época turística, neste caso, xa entrando en plena Semana Santa, a parroquia encherase de vehículos privados e excursionistas. Ante este feito, as veciñas e veciños de Pazos decidiron colocar, non é a primeira vez, a súa propia sinalización para axudar os excursionistas”, indican nun comunicado.

Sinal feito polos veciños nas fervenzas do Toxa

Motivos de confusión

A confusión dos excursionistas vén dado por diferentes motivos. O primeiro, o actual goberno local quería que os vehículos entrasen a Pazos polo novo acceso que se construíu ao carón da liña ferroviaria de alta velocidade, a cal é máis ancha e mellor que as outras dúas. Para iso, á altura da Canteira de Campomarzo, xa indica o desvío a un quilómetro á dereita. Pero o problema é que , á altura do cruce de Campomarzo, a medio camiño, non se eliminou un sinal municipal que indica “Fervenzas do Toxa”. Este serve ademais para indicar os núcleos de poboación da contorna. O segundo motivo é que, entrando polo novo acceso, chégase a un cruce no que o Concello chegou a colocar un sinal indicando “Fervenzas do Toxa, aparcadoiro”, cara á igrexa. Na actualidade, encóntrase tapado por un plástico negro. Os excursionistas non saben que dirección coller, para a dereita, esquerda ou de enfronte. Incluso, algún excursionista chegou a levantar o plástico para saber o que había detrás.

O terceiro motivo. Na igrexa, onde temporalmente está o aparcadoiro disuasorio, o sinal de “parking” é moi cativo para que se vexa. Este consiste unicamente nun simple adhesivo do símbolo de parking (un P branco con fondo azul). Ademais, o panel de información que indica a ruta peonil, non mostra o camiño que deben coller os excursionistas, que ten que ser para abaixo. O cuarto motivo, é a falta de sinalización que indique a saída de Pazos. Moitos dos excursionistas, non saben cal é o camiño de volta nin como ir cara a outros puntos turísticos da comarca, caso do Mosteiro de Carboeiro e a área recreativa da Carixa.

“A xestión do turismo non só é o benestar do turista e o mantemento do recurso turístico. Tamén é o coidado das persoas autóctonas que habitan en torno ao enclave non teñan que sufrir as externalidades negativas do turismo. Ao mesmo tempo, non podemos presumir de enclaves turísticos se non sabemos xestionalos ou indicar como chegar até eles”, conclúen os veciños nun comunicado.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: