fbpx
Pazo de Liñares, onde se ubica o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico / cultura.gal

Como reinventar a arqueoloxía en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Museos, centros arqueolóxicos, puntos de divulgación arqueolóxica… En Galicia hai centenares de centros de información sobre a arqueoloxía do país, tantos, que ás veces é difícil mantelos todos. E non son poucos os profesionais da historia e da arqueoloxía que dan voltas e voltas para tentar sacar partido a estas fiestras á nosa historia.

Precisamente, con ese obxectivo de poñer en valor infraestruturas arqueolóxicas, inaugurabase hai un mes unha nova exposición permanente no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) de Lalín. O obxectivo claro da mostra é sacarlle proveito a este importante centro aberto hai dous anos no Pazo de Liñares.

Recuperando o Pasado é a exposición permanente do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) da Deputación de Pontevedra / depo.es

Recuperando o pasado é o nome desta exposición que tenta poñer en valor os traballos do centro nos eidos da investigación e divulgación dos achados nas escavacións dos castros da provincia dependentes da deputación.

Así, expóñense diversas pezas de cerámica, moedas, colares, fíbulas, vidros e tamén ósos achados en diversos castros da provincia de Pontevedra como o da Lanzada, Castro Alobre ou Monte do Castro. Ao ter carácter permanente, as pezas (unha escolma das máis de 200.000 pezas atopadas nas escavacións) irán renovándose a medida que sexan trasladadas ao Museo de Pontevedra. A mostra permanente poderase visitar en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas de luns a domingo.

Actividades arqueolóxicas

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra tamén quere que este centro sirva para entender en que consiste o traballo que realizan os profesionais da arqueoloxía. Por iso, os e as visitantes ao Pazo de Liñares poderán ver in situ as accións que se realizan nel. Estas visitas deberán ser solicitadas previamente, chamando ao teléfono de Turismo Rías Baixas (886 211 700), para non interferir no traballo do persoal e realizaranse de luns a venres. As persoas visitantes poderán visibilizar traballo de limpeza, catalogación e tratamentos aos que se someten as pezas das escavacións para a súa conservación.

“Agora temos o traballo de conseguir que Lalín se converta nun referente da arqueoloxía na provincia, para o que fan falta moita promoción e toma de decisións”, dicía a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a inauguración desa exposición. Tamén o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosaba estar seguro de que “este centro vai acadar milleiros de visitantes”.

Pode que che interese...