fbpx
Arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballa no castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

Creada a Sección de Arqueoloxía do CDLG para loitar contra a precariedade na profesión

Tempo de lectura: < 1 min.

O Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía, Letras e Ciencias de Galicia (CDLG) acaba de crear a súa Sección de Arqueoloxía para, entre outras finalidades, loitar contra a gran precariedade laboral que sofre esta profesión, e “favorecer a protección do patrimonio, a través da defensa e mellora da profesión arqueolóxica”.

“A forte precariedade que sofre a profesión favorece a indefensión do patrimonio ao non alcanzar os obxectivos de mínima calidade nas intervencións”, apunta esta entidade nun comunicado. Para tal motivo, as liñas de traballo que se propoñen son a colaboración coas diferentes administracións públicas implicadas na xestión do patrimonio, Xunta, Concellos, Deputacións provinciais ou a mellora no deseño dos instrumentos de planeamento, coma os PXOMS.

O obxectivo é “permitir unha áxil xestión dos proxectos de patrimonio cultural, garantindo unha protección efectiva e priorizando a investigación arqueolóxica como obxectivo de carácter social”. A nova sección estipula como liña de traballo a contribución da disciplina arqueolóxica na definición de paisaxes culturais e a ordenación do territorio, promovendo a coordinación con outras áreas profesionais implicadas.

Segundo o CDLG, estas medidas, entre outras, pretenden mellorar a situación do patrimonio arqueolóxico galego. “Temos a sorte de posuír unha alta densidade de xacementos e bens culturais apreciados por toda a sociedade e que constitúen, ademais, toda unha oportunidade para o noso desenvolvemento económico e cultural”, conclúe.