fbpx
O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes - WordPress.com
O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes - WordPress.com

Cultura intervirá no castro de Viladonga cunha fonda limpeza e roza para evitar a súa deterioración

Tempo de lectura: 2 min.

100.000 euros. Ese é o diñeiro que a Consellería de Cultura destinará a traballos de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, situado en Castro de Rei (Lugo). A intervención, que recolle este martes o Diario Oficial de Galicia, conta con fondos procedentes do programa operativo Feder e conta cun prazo máximo de execución de oito meses.

As tarefas que agora se licitan súmanse ás recentemente concluídas para o acondicionamento e consolidación arqueolóxica e teñen a súa orixe no estudo de diagnose realizado en 2015.  Esta investigación puxo de manifesto a “deterioración dalgunhas das estruturas castrexas”, por iso é polo que desde a consellería se estimase a necesidade de levar a cabo un proxecto de conservación preventiva para corrixir esta situación e evitar a derriba e destrución das construcións postas ao descuberto en anteriores campañas arqueolóxicas. Precisamente, esta web alertaba hai uns días da situación na que se atopa este castro, rodeado por eucaliptos que afectan a parte das súas estruturas exteriores e impiden a súa correcta visibilización.

E, precisamente, parte dos traballos a realizar para a campaña 2017/18 serán de roza e limpeza manual e mecánica. É dicir, de limpeza da súa contorna para evitar a deterioración das estruturas. Tamén se procederá á revisión da documentación bibliográfica e documental das antigas campañas de escavación, a actualización da rede de bases topográficas existentes no castro, a limpeza e a consolidación dos muros, pavimentos e outras estruturas, o acondicionamento destas áreas, e a realización dunha fotogrametría dixital da área de intervención, entre outros.

O Castro de Viladonga é propiedade da Xunta de Galicia e está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) na súa categoría de Monumento. Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos “máis singulares” de Galicia, un dos máis coñecidos polo público e tamén un dos que recibe maior número de visitas durante o ano.

Pode que che interese...