Típica paisaxe da costa norte de Galicia / nonsi.com

Define a paisaxe a construción dunha nación e dunha cultura?

O territorio é un elemento clave na análise de nacións e paisaxes, e aínda que as paisaxes son recoñecidas como o resultado de procesos naturais e culturais é imposible pensar nelas sen ter en conta a pegada humana e os seus significados simbólicos.

Para as nacións apátridas, argumentan os profesores de Xeografía da USC Rubén Lois e Juan Trillo, organizadores da xornada, “as paisaxes tenden a estar relacionadas co ambientalismo, a reivindicación da súa identidade e a continuidade das áreas rurais”, e pregúntanse “como poden defender e protexer a multiplicidade de paisaxes asociadas á súa identidade sen a administración do Estado”.

Por iso, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá este luns 3 de abril un encontro para reflexionar sobre a relación mutua entre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas que se poden inferir no mundo global.

O encontro inaugurarase ás 9.30 horas na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que participan o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira Fariña; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán, e o presidente do Centre Mauritus Coppieters (CMC), co organizador da xornada, Xabier Macías.

Paisaxes e nacións sen estado

A continuación sucederanse relatorios sobre paisaxes e nacións como produtos culturais e políticos; as paisaxes nacionais posibles na península ibérica desde o punto de vista da xeografía (Illas Baleares e Valencia) e da literatura (Galicia e País Vasco); como preservar as paisaxes das nacións sen estado no mundo global actual (cos casos de Galicia e Gales), e a planificación paisaxística desde Galicia e Cataluña. O encontro rematará cunha mesa redonda sobre as consecuencias políticas da defensa das paisaxes nacionais.

Na xornada interveñen especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Xirona, Illas Baleares, Valencia, A Coruña, País Vasco e Swansea (Reino Unido), ademais de responsables do Observatorio da Paisaxe de Cataluña e do Instituto de Estudos do Territorio.

‘Paisaxes nacionais no mundo global’ está organizado pola USC e a Fundación Mauritus Coppieters e conta con financiamento do Parlamento Europeo. A participación no encontro é de balde e non precisa inscrición previa.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: