fbpx
Documento antigo procedente do arquivo diocesano

A Diocese de Compostela desclasifica máis de 600 documentos do XVI ao XVIII

Tempo de lectura: 2 min.

O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago acaba de editar un catálogo no que recompila e clasifica máis de 600 documentos no seu poder dos séculos XVI a XVIII co obxectivo de “darlles visibilidade” e axudar á súa consulta e difusión.

Entre as obras que inclúe o catálogo –a máis antiga de 1528–, atópanse exemplares procedentes e cenobios como Armenteira, Montefaro, Tenorio ou Sabardes, así como coleccións de clérigos e arcebispos, libros da marquesa de Parga e dos condes de Amarante ou fondos dos colexios de Irlandeses, Orfas ou San Clemente, en Santiago.

Ademais de documentos impresos relixiosos, o volume dá conta doutros elementos de patrimonio cultural custodiados pola diocese, como compendios matemáticos, tratados de cantaría, regulamentos militares ou información antiga do sanatorio de Conxo.

O director do arquivo, Salvador Domato, foi o encargado de presentar este martes o ‘Catálogo de Impresos do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, Séculos XVI-XVIII‘, unha publicación que conta co apoio da Deputación da Coruña e que se presenta como o primeiro volume da colección de catálogos da institución.

Todos os libros desta publicación están agrupados en diversas materias e acompañados por índices como autor, editor ou procedencia, que farán máis cómoda a localización de datos. Durante a presentación, un dos redactores do volume, Víctor Manuel Camiño, apuntou que a intención deste traballo foi a de “desempoar” os fondos da institución para “ofrecerllos á sociedade”.

O investigador apostou por “concienciar” a poboación en xeral sobre o patrimonio artístico e cultural que atesouran as dioceses, dar “visibilidade aos seus fondos” e prover aos investigadores dunha “ferramenta útil”.

Máis de 40 anos de traballos

O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago foi creado en 1975 polo entón arcebispo de Compostela, Ángel Suquía, e custodia os fondos documentais da Arquidiocese compostelá que, co paso do tempo, incorpora continuamente documentos de procedencia e temática diversa. O seu documento máis antigo data do século IX.

A sala de investigadores desta institución prestou unha media de 31,74 unidades diarias nos 226 días que abriu as súas instalacións o pasado ano. Os novos usuarios o pasado ano ascenderon a 218.

Os préstamos máis consultados son os relativos a fondos parroquiais, como aqueles que fan referencia a bautismos ou defuncións; unidos ás contas das parroquias. Ademais, destaca na súa actividade as cartas que reciben por parte de emigrantes sobre os seus antepasados para tratar de obter a nacionalidade española –unhas 12.000 anuais–.