fbpx
Recreación das tropas de Napoleón en Vigo / tradicionesyfiestas.com

“Españois, imitade aos inimitables galegos”…Cando Vigo foi a primeira cidade europea que se liberou de Napoleón

Tempo de lectura: 4 min.

Vigo rememora estes días a súa histórica xesta: o alzamento popular do 28 de marzo de 1809, que a convertería na primeira localidade de Europa que logrou expulsar ao exército de Napoléon dunha praza conquistada.

Un feito que non se pode entender sen ter en conta o que aconteceu nesa cidade, e en todo o resto de Galicia, meses antes coa creación da Xunta Suprema do Reino de Galicia, un órgano integrado por relixiosos, fidalgos, militares e burgueses que asumía o poder dun país sen rei español por primeira vez desde a Idade Media.

Antigo plano da cidade de Vigo / vigopedia

E foi esa Xunta a que organizou a vida política, social e militar das grandes cidades e vilas galegas fronte os franceses. Unha sorte de goberno independente que seguiría operando na sombra, a comezos de 1809, coa entrada das tropas napoleónicas, ao mando do mariscal Soult. O militar francés sairía victorioso da batalla de Elviña fronte ao Exército británico comandado por John Moore, que morrería na defensa da cidade.

A partir de entón todas as grandes cidades e vilas galegas renderíanse aos franceses, ata marzo de 1809, que comezaría a liberación do país en Vigo. Os franceses só mantiveron o poder nesta cidade dous meses. Chegaran o 31 de xaneiro cun batallón de húsares franceses (cabalería lixeira), aos que seguirían 1.200 soldados de infantaría e 450 dragóns de cabalaría co mariscal Soult á fronte. Pero os saqueos continuos da cidade e da comarca, e o seu acuartelamento na cidade, fixeron que pronto comezase a organizarse a resistencia alentada por antigos membros da Xunta do Reino de Galicia.

Comeza o cerco de Vigo

O 15 de febreiro, o mariscal Soult sae de Vigo coa maior parte das forzas francesas para emprender a invasión de Portugal, deixando uns 2.000 homes ao mando do coronel Chalot. O cerco da vila comeza apenas un mes máis tarde, o 17 de marzo. Os militares franceses son sometidos a un feroz cerco que impide que reciban comidas, o que provoca, á súa vez que estes presionen a poboación local.

Fóra das murallas concéntranse xa unhas 4.000 persoas, incluído un batallón portugués, mentres que as fragatas inglesas Lively e Venus, fondeadas na ría, permiten o bloqueo por mar. Ante tal situación, convídase a Chalot a renderse. O coronel finalmente pacta a capitulación o 27 de marzo, pedindo un prazo de tregua ao tamén coronel Pablo Morillo. Pasado o prazo, os franceses seguen sen renderse polo que os sublevados deciden actuar e tomar a cidade, temendo que os franceses só tratan de gañar tempo á espera de reforzos.

Un total de 300 voluntarios xa se organizaran segredamente desde o interior grazas ao alcalde Vázquez Varela. O ataque comeza o 28 de marzo, desde as portas da Falperra e A Gamboa. Esta última é aberta con golpes de machado polo capitán de granadeiros Bernardo González del Valle, ‘Cachamuíña’, despois de que o tentara un vello mariñeiro do Berbés, ´Carolo´, que caería morto baixo os disparos inimigos.

A reconquista de Vigo durou só unhas horas pero, nela, morrerían moitos vigueses, Mortes que pagaron a pena porque prenderon a mecha da revolta en todo o país. Os vencidos, uns 1.500 homes, serían embarcados como prisioneiros nas fragatas inglesas, deixando as súas municións e un cuantioso botín de guerra. Comezaba entón a liberación de toda Galicia. Primeiro tomaríanse as prazas de Tui e Baiona e posteriormente o resto do país logo da gran vitoria da batalla de Pontesampaio. Unhas vitorias nas que terían un importante papel as milicias do Batallón do Miño, creado, precisamente, con ex militares, labregos e pescadores de todo o sur da provincia.

Recreación da batalla entre os cidadáns de Vigo e as tropas francesas do exército de Napoleón durante a festa da Reconquista / turismoriasbaixas.com

Os “inimitables galegos”

A liberación de Vigo foi o comezo da liberación de toda Europa. “Españois, imitade aos inimitables galegos”, diría o duque de Wellington do valor dos galegos nesta guerra contra os franceses. Por iso, o coronel Navas Ramírez-Cruzado no seu libro Victorias de Galicia. La Guerra de la Independencia. Cuando el pueblo gallego derrotó a Napoleón quixo desmitificar esa idea da falta de autoestima dos galegos.

Este coronel de artillaría, e durante sete anos director do Museo Militar da Coruña, destaca neste libro que foi Galicia enteira a que venceu as forzas de Napoleón, non foi o exército español, ou o que quedaba del, nin o inglés que veu axudar e o que fixo foi estorbar, nin os guerrilleros. Foi a “dignidade atropelada do pobo galego” a que se levanta e que expulsa os franceses da súa terra en seis meses nunha guerra que durou seis anos.

 

Para saber máis:

NAVAS RAMÍREZ-CRUZADO, “ Victorias de Galicia. La Guerra de la Independencia. Cuando el pueblo gallego derrotó a Napoleón”, Hércules Ediciones. Santiago, 2013
DÍAZ OTERO, Antón: “Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813”. Memoria de Licenciatura. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia.1981
BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón. “Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia”. Edicións Xerais. 2009
DOMÍNGUEZ CASTRO, Luis: «La guerra de Independencia y la Reconquista de Vigo» en Historia de Vigo. Vigo, Ediciones Nobel para Faro de Vigo, 2007
LAMAS DONO, Jorge: «A reconquista de Vigo na prensa española da súa época», Glaucopis 17, pp. 71-80. Vigo, Boletín Instituto de Estudios Vigueses, 2012

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...