fbpx
Recinto fortificado de Outeiro de Arnás, en Verin / Roman Army

Investigan dous misteriosos recintos fortificados de Verín, na zona de fronteira de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Outeiro de Arnás e o Alto do Circo son dúas fortificacións de Verín moi pouco coñecidas e de características moi singulares que as diferencian de todas as estruturas históricas defensivas da súa contorna. Por iso, un equipo de arqueólogos do colectivo Roman Army investigarán estes dous bens, un deles inédito ata agora, co obxectivo de determinar a súa orixe.

Os dous recintos non encaixan nas tipoloxías habituais de sitios arqueolóxicos defensivos da comarca e iso multiplica o seu interese científico e a súa capacidade de explicar a historia desta área de Galicia, segundo apunta este colectivo nun comunicado. “Analizar e comprender a época e o motivo polo que foron construídos pode axudar a coñecer a evolución da paisaxe arqueolóxica de Verín como zona de fronteira e tránsito ao longo da Historia”, engade.

Se ben o equipo manexa hipóteses como a posible adscrición militar romana destes dous recintos, a súa interpretación aínda está aberta, poden corresponder a épocas moi distintas. Serán os datos científicos os que permitan corroborar ou cambiar esta hipótese.

Recinto fortificado de Alto do Circo, en Verin / Roman Army

Os sitios arqueolóxicos

O Outeiro de Arnás é un pequeno recinto localizado na parroquia de Santa María de Tamagos, nas inmediacións da autoestrada A75. Ten unha planta pentagonal e o seu tamaño non supera as 0,6 hectáreas. Está composto por un talude de terra e un foxo exterior. O Alto do Circo atópase na parroquia de Feces de Cima, nunha prominente elevación a 615 metros de altura. Está xa catalogado e identificado como castro da Idade do Ferro ou posible poboado altomedieval. Trátase dun recinto de planta circular delimitado por unha muralla de pedra que, na zona de máis fácil acceso, se complementa cunha liña defensiva adicional.

Roman Army é un colectivo científico que investiga a presenza militar romana no Noroeste da Península Ibérica, conformado por investigadores de distintas universidades europeas, diferentes disciplinas e especialistas en varias épocas históricas. O proxecto será levado a cabo polos arqueólogos Rebeca Blanco-Rotea, José Manuel Costa e João Fonte. O proxecto conta co apoio do Concello de Verín, o Grupo de Investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Alén disto, todos aqueles que o desexen poderán seguir as actualizacións da campaña. Todos os días, a partir do luns 17 de abril, desde os recintos fortificados, os arqueólogos darán en directo unha pequena explicación dos traballos efectuados a través de Facebook Live (https://www.facebook.com/romanarmynw). Será sempre ás 12.30 horas, acompañado de actualizacións ao longo da xornada, o cal permitirá coñecer o día a día dunha prospección arqueolóxica. A maiores, os interesados poderán seguir, en máis profundidade, a través do web romanarmy.eu, crónicas e análises que tamén poderán recibir, directamente, no seu correo electrónico.

Pode que che interese...