fbpx
Joaquín Balboa, antifascista e repubicano preso en Mauthausen

Joaquín Balboa, o barbeiro de Monterrei que sobreviviu á Guerra Civil e ao horror de Mauthausen

Tempo de lectura: 3 min.

Joaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa: emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunto coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Os investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, están detrás desta mostra que ten como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da liña de investigación Memoria e Tradución do seu grupo. Como destacaba o director do grupo, José Yuste, na inauguración desta actividade, “para interpretar a experiencia do exilio hai que conxugar as identidades de partida e de chegada, suscitando e expoñendo unha dinámica de multipertenencia cuxa complexidade non sempre é comprendida pola lóxica cidadá dos estados”. Lembraba que, se ben entre xaneiro e febreiro de 1939 450.000 republicanos, militares e civís, cruzaron a fronteira con Francia, “estamos tamén na actualidade en tempo de migración e exilio masivos”.

Documentos de deportado de Joaquín Balboa, republicano internado no campo de concentración nazi de Mauthausen

De Monterrei a Mauthausen

Esta exposición tamén se completou cunha conferencia de Eladio Anxo Fernández Manso, tamén natural de Monterrei, igual que Balboa, e por iso decidiu comezar a investigar para recuperar a súa historia que comeza na parroquia de Albarellos. Pouco despois vese obrigado a marchar a Barcelona na procura dun futuro mellor traballando de peiteador, profesión que sería determinante para que sobrevivise en Mauthausen. Casa e ten un fillo e en 1936 únese ás brigadas mixtas de carabineiros do exército republicano pero, cando en 1939 Barcelona cae en mans franquistas, Balboa coma outros miles de españois vese obrigado a cruzar a fronteira francesa a pé, polo coñecido como Camiño da Retirada.

Lonxe de rematar o seu sufrimento, en territorio francés os exiliados españois son recluídos en campos de refuxiados, “moi similares aos que en pleno 2017 seguimos vendo en Europa”, apuntaba. A pesar de non seren campos de exterminio como os que posteriormente crean os nazis, “si eran campos de concentración”, nos que a xente tiña que sobrevivir en condicións insalubres e de fame nas praias, á intemperie e sen apenas comida nin hixiene. Pero a inminencia da guerra con Alemaña fixo que o goberno francés crease as chamadas compañías de traballo, e nunha delas foi destinado Balboa. Cando o exército alemán invade Francia, son feitos prisioneiros e comeza o seu periplo polos campos de concentración e exterminio que o levaría, un ano despois, en 1941, a Mauthausen, onde permanece ata que o campo é liberado en 1945.

Un peiteador no horror do holocausto

O campo de Mauthausen-Gusen, en Austria, era en realidade unha rede de campos de concentración e exterminio. A el chegaron deportados 7000 españois, dos que tan só 2000 sobreviviron. Alí, Joaquín Balboa comezou realizando traballos forzados na canteira, para despois ser trasladado a Sankt Lambrecht, un campo satélite empregado como granxa. Pero foi precisamente o utilitarismo nazi o que lle salvou a vida a Balboa, “a súa profesión de peiteador era unha das máis demandadas, xa que era necesario rapar a todos nos novos presos” dun campo que comezou con 5000 persoas e chegou a ter 21.000.

Presos republicanos galegos no campo de concentración nazi de Mauthausen

O profesor Fernández Manso tamén destacou que, a pesar de seren españois, no campo as SS lles outorgaron o triángulo azul de apátridas “pero dun xeito moi paradóxico, cunha S no medio que determinaba a procedencia, Spanier”. Isto foi, segundo o docente, froito da actitude do goberno franquista, coñecedor da situación do presos republicanos, lembraba. “Os alemáns preguntaron ao réxime franquista que facer cos republicanos presos, e este respondeu alegando que fóra de España non había españois”, apunta en declaracións ao xornal da Universidade de Vigo.

Neste sentido, tanto Fernández como o profesor Garrido e o director do grupo de Tradución e Paratradución, José Yuste, fixeron fincapé na responsabilidade da ditadura franquista e na necesidade de recuperar a memoria histórica como único camiño para evitar que se repitan feitos coma estes, unha memoria que segue sen ser respectada, sen ser lembrada e que mesmo vive nunha clandestinidade que a afasta, por exemplo, de colexios e institutos. É por iso, lembraba Fernández Manso, polo que un deportado español lle puntualizou nunha conversa: “non fomos esquecidos, fomos ignorados, porque só se pode esquecer aquilo que se coñece”.

Pode que che interese...