fbpx
Vista xeral do Castro de Elviña, na Coruña / Galipedia

O Castro de Elviña, de proxecto internacional a aparcadoiro de camións

Tempo de lectura: 2 min.

O Ministerio de Fomento acaba de danar gravemente a contorna do Castro de Elviña, na Coruña, coa construción dun aparcadoiro de camións e máquinas que traballan no mantemento de infraestruturas viarias. É o último delito cometido contra un ben no que se proxectou a construción dun ambicioso proxecto internacional de divulgación.

O Concello da Coruña xa pediu información á Demarcación de Carreteras sobre esta obra que se atopa aos pés do castro. Tamén solicitou un informe ao arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas, sobre o que supón para o castro a nova construción. Este especialista é o que elaborou o novo proxecto para aumentar as visitas turísticas e a programación cultural no interior deste ben. Un proxecto que está a piques de ser executado e que ten como obxectivo paliar o declive ao que se someteu este xacemento ao longo destes últimos anos.

Alxibe no Castro de Elviña, na Coruña / Galipedia

As explicacións do Goberno local chegan tras as denuncias da concelleira do BNG, Avia Veira, que advertiu que se afectou “moi gravemente” un dos camiños medievais que ían desde o castro ata Feáns. Parte destas vías -ata tres que partían do castro- xa están practicamente desaparecidas pola construción da terceira rolda da Coruña que reduciu o ámbito de protección do castro de Elviña, declarado ben de interese cultural desde o ano 1962.

O castro leva anos de abandono. De feito, o Concello activou xa un plan de limpeza da maleza. Unhas actuacións que, curiosamente, chegan cando neste ben xa se proxectara construír a chamada Casa dos Antepasados, un ambicioso proxecto internacional que tiña como obxectivo poñer en valor os restos que se atoparon nel.

Evidencias desde os séculos II e I a.C.

O Castro de Elviña consta dun recinto central alto, a croa, cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas. Cinguido dunha muralla moi potente de máis de 4,5 metros de grosor, vese ampliado por ao menos dúas terrazas sucesivas polo oeste, sur e leste. Polo norte, a aparición de restos de edificacións na ladeira fóra da croa fala da existencia doutros recintos.

Segundo recolle a web patrimoniogalego, as sondaxes nas terrazas oeste e sur apuntan a un poboamento progresivo das ladeiras, tanto máis recente canto máis afastado da croa. Polo sur atopáronse edificacións con planta curva, habitadas entre os séculos II e I a. C., con ocupacións anteriores das que apenas quedan indicios. Na primeira terraza existe unha edificación de ángulos rectos con materiais quizais do século I d. C., e máis abaixo, a carón da muralla exterior, un chan empedrado pode situarse en momentos posteriores, entre os séculos II e IV d. C.

Pode que che interese...