Ataque dun lobishome nun gravado do século XVII

O lobishome de Viana, o primeiro home lobo documentado en Galicia

“A maldición do pai é o máis malo que poida haber para un fillo!
Un pai non debe maldicir o seu mesmo sangue.” (Lenda do lobishome de Doiras)

Sucedeu en Prado, nas terras de Viana, un home e seu fillo estaban traballando no monte cando chegou a hora do xantar, sentaron para comer un anaco de pan cando dixo o fillo:

-O que eu comía agora de boa gana era unha miga de carne; o pan sen magro non entra ben.

-Nunca falto de carne te vexas. Aínda que lobo da xente te volvas para que nunca che falte!-contestoulle berrando o pai alporizado. Nunca tal dixera.

Aquel mesmo día desapareceu o maldito, comezando as súas malfeitorías aterrorizando a comarca polo grande número de vítimas que enguliu. Víase a miúdo en forma humana: dunha vez preparábase para envorcarse na lama coa intención de transformarse en lobo e devorar unha rapaciña, mais chegou o pai da nena e frustrou as súas intencións; noutra ocasión que tamén estaba en forma de home procurou amparo unha noite fría de inverno na casa dun coñecido seu de Seoane (Viana), o amigo sospeitaba del e non acougaba xa que pasaban as horas e o convidado non marchaba, farto xa botouno, ca grande fortuna que tras cruzar a solaina da casa e botar o peche o outro transformouse en lobo e empezou a rabuñar a porta.

A fin das andanzas do lobo da xente chegaron cando dunha vez estando en forma de cristián uns paisanos agarrárono cando estaba cruzando unha ponte, e tras atarlle unha pedra ao pescozo botárono ao río onde afogou.

Retrato de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome galego

O lobo da xente, ese ser mítico que tanto medo metía no corpo dos habitantes das montañas da nosa Terra. Un tempo no que o lobo abundaba no territorio e facía estragos no gando e rabaños dos paisanos, e chegaqba en ocasións a matar algunha persoa. Segundo a tradición esta besta era un home que por mor dunha fada (maldición) transformábase en lobo, tras cubrirse cunha pelica desta fera ou envorcarse na terra, e ca forma de animal recorría os montes na procura de alimento, mais tiña unha particularidade, só comía xente. Esta lenda galega cobrou fama mundial cando a mediados do século XIX Manuel Blanco Romasanta, xulgado por varios asasinatos, confesaba que por mor dunha maldición que lle botara un familiar transformábase en lobo e desta forma cometía os asasinatos impulsado polo instinto da fera. O caso espallouse polos xornais de toda España e de parte do estranxeiro, e é aínda coñecido polo gran público nos nosos días. Mais puido haber un caso coma o de Romasanta no século XVI?

A única referencia que temos deste feito debémoslla a Antonio de Torquemada, o que poderíamos denominar o primeiro “xornalista do descoñecido” de España, que no século XVI escribía Jardín de Flores Curiosas, obra na que relataba historias “paranormais” ocorridas “ na nosa pel de touro”. Nela recollíase un caso ocorrido no reino de Galicia que di tal que así:

“En el reino de Galicia se halló un hombre el cual andaba por los montes escondido, y de allí se salía a los caminos cubierto de un pellejo de lobo, y si hallaba algunos mozos pequeños desmandados, matábalos y hartábase de comer en ellos; y era tanto el daño que hacía, que los de la tierra procuraron quitar aquella bestia del mundo. Y prendiéronle, y viendo que era un hombre le pusieron en una cárcel y le atormentaron, y todo lo que decía parecían disparates. Hartábase de comer carne cruda y, en fin, murió antes de que se hiciese justicia de él.”

Gravado alemán que mosta transformación dun home en lobo

Existiu o lobishome de Viana?

Trátase dunha historia arrepiante. Un caso así tivo que deixar pegada na terra en que sucedeu, e iso lévanos a lenda do lobo da xente de Prado con cuxa narración se comezou este artigo. Mergullándonos nas numerosas historias de licantropía do noso folclore atopámonos con esta que ten unha particularidade, na nosa opinión curiosa, é a única na que o lobishome só é visto en forma de home e non de lobo. Analicemos ambas as dúas historias na procura de analoxías:

Xeograficamente Torquemada só nos dá o dato de que ocorreu no Reino de Galicia: a lenda dinos que o caso ocorre en Terras de Viana, en Ourense, e danos os nomes de varios lugares como son Prado (lugar de onde era o licántropo) e Seoane (onde residía o amigo que lle dá refuxio), na comarca de Viana existen hoxe en día varias poboacións con ese nome como son Pradocabalos, no concello de Viana, e Pradoalbar, no concello de Vilariño de Conso, e preto de Pradocabalos están os lugares de Seoane de Arriba e Seoane de Abaixo. Tamén nos falan dunha ponte onde lle dan morte, se Jardín de Flores Curiosas foi escrito no século XVI a historia que narra a lenda ten que ser daquel tempo ou anterior, co que buscariamos unha ponte medieval ou romana, en Pradoalbar hai unha ponte romana que cruza o río Cerveira, podería ser este o lugar onde lincharon o lobo da xente?

Terra de Viana

Vaiamos agora aos feitos: Torquemada di que as vítimas eran “mozos pequenos” e curiosamente na lenda cóntase un ataque frustrado a unha rapaciña; outra coincidencia e que os paisanos da terra son os que rematan cas andanzas deste monstro, na historia de Jardín de Flores Curiosas di que o prenden e o levan á prisión onde morre en circunstancias descoñecidas, e o lobo da xente de Prado é asasinado polos paisanos de Viana, puido ser sacado de prisión e asasinado polos carraxentos veciños? Estes datos son os máis semellantes entre ambas as dúas historias, e o que nos leva a preguntarnos se non será a lenda do lobo da xente de Prado o recordo daquel episodio do século XVI deformado tras tres centurias de pasar de boca en boca. Ao igual que Romasanta o asasino no interrogatorio di “disparates”, ao igual ca el puidera ser que contara que unha fada que lle botara un familiar era o que lle obrigaba a facer aqueles crimes terribles.

Asasinatos noutros puntos de Europa

Foxo do Lobo das Covateiras (Bande), tamén con planta de cruz

Estes casos de asasinos en serie que se crían lobos déronse noutros países de Europa coma Francia e Alemaña, naquel mundo supersticioso corrían de boca en boca entre as xentes converténdose nas lendas que poboan o folclore europeo. Mais na mesma comarca de Viana, en Vilariño de Conso, hai unha estrutura empregada nas monterías para cazar lobos, os denominados foxos do lobo, pero este ten unha particularidade que só ten outro en Galicia, a estrutura ten forma de cruz, o mellor vén cando saibades como se chama e para a caza de que criatura se usaba. É coñecido coma o Foxo do Lobo da Xente e di a tradición da zona que só se empregaba para dar caza a esta besta mítica.

 

Para saber máis:

-Mariño Ferro, Xosé Ramón. Manuela Branco Romasanta o lobishome asasino. Ed. NIGRATREA, 2007.

https://revistaorballo.com

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador ourensán. Dende 2016 colabora en Revista Orballo e Radio Allariz

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: