fbpx
Claustro gótico do mosteiro de Oia / X.S.

O PP négase a solucionar a reforma do mosteiro de Oia

Tempo de lectura: < 1 min.

O grupo parlamentario socialista defendeu na Comisión de Educación e Cultura unha proposición non de lei para instar o Goberno galego a preocuparse polo estado do Real Mosteiro de Oia, un ben catalogado como BIC que “se atopa nun estado de abandono que fai perigar a súa conservación” e que precisa da axuda do Goberno galego “para que non caia, que non desapareza”.

Non obstante, a proposta presentada foi rexeitada polo Partido Popular, a pesar da insistencia do deputado Abel Losada en que “a recuperación deste conxunto patrimonial é primordial”, pois o novo uso que se lle pretende dar, un proxecto turístico hoteleiro, “suporá un impulso para o emprego e a economía local”, nun concello “que perde poboación ano a ano” e que “non ten demasiados recursos endóxenos máis aló do turismo”.

Losada recordou que o Concello de Oia leva seis anos agardando a aprobación das modificacións necesarias para levar a cabo o proxecto de restauración, rehabilitación e posta en valor do conxunto monacal e da súa contorna, e instou á Xunta a “interesarse polo estado da tramitación deste expediente” e a “desenvolver mecanismos de protección efectivos do patrimonio histórico – artístico”.

Porén, os populares negáronse mesmo a interesarse polo estado de tramitación do expediente no Concello. HdG publicou recentemente unha reportaxe sobre a situación deste monumento declarado BIC e cuxa reforma está paralizada desde hai anos.

Pode que che interese...