fbpx
Claustro da portería do mosteiro de Montederramo, coñecido como claustro dos medallóns / wikipedia

A Orde do Císter, un futuro turístico e cultural para Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A Franqueira, Melón, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, Meira, Monfero, Aciveiro e Oia. Todos eles son grandes e importantes mosteiros e, todos eles, teñen en común que foron da Orde do Císter.

Desde hai un tempo, e grazas en parte as iniciativas postas en marcha por Residencial Monasterio de Oia para a posta en valor deste cenobio, activouse unha iniciativa ben interesante no noso país. Trátase da Asociación de Mosteiros do Císter de Galicia (ACIGAL), unha asociación sen ánimo de lucro que reúne aos xestores dos mosteiros cistercienses galegos.

Oia xa pertence á Carta Europea de Abadías e Sitios Cistercienses e leva varios anos asistindo ás súas reunións anuais. Isto permitiulles coñecer diferentes mosteiros en toda Europa e tamén que, desde 2010, o Consello de Europa declarou o Itinerario Cultural das Abadías Cistercienses.

Vista da parte románica do mosteiro de Oia / X.S.

A riqueza do Císter en Galicia

Galicia oculta un tesouro que ben podería ser recuperado e posto en valor para a súa promoción turística. O Císter foi unha orde moi activa en multitude de ámbitos (agrario, sanitario, socio- económico, de configuración do territorio) e conta cun número inusualmente alto de mosteiros no país. En total son 15, fundados entre os secúlos XII e XV, algúns deles están en mal estado de conservación, e, a maioría, son grandes descoñecidos.

“Ocorréusenos tentar contactar con todos os mosteiros e conseguimos crear ACIGAL en novembro de 2015 cos xestores dos antigos mosteiros da Franqueira, Melón, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, Meira, Monfero, Aciveiro e Oia. As propiedades de cada un deles son moi heteroxéneas polo que confluímos propietarios privados, públicos e relixiosos”, apunta Sarah Barbará, unha das impulsoras desta iniciativa.

Itinerario cultural do Císter

A súa finalidade é a promoción e posta en valor do patrimonio cisterciense galego e a implantación do itinerario cultural en Galicia. “Moitos destes mosteiros atópanse en concellos pequenos aos que lles custa moito promovelos, e cremos que a unión fai a forza e sería máis sinxelo promocionalos de maneira conxunta”, indica Barbará.

ACIGAL atópase agora inmersa na edición dunha guía para a Ruta do Císter en Galicia, que prevé lanzar en maio e poñer á venda nos mosteiros socios. Con estes ingresos esperan poder incrementar a súa capacidade económica que, por agora, é moi reducida. Un dos seus principais obxectivos é captar patrocinios para impulsar esta iniciativa e protexer e poñer en valor estar riqueza artística que temos en Galicia. Os interesesad@s poden obter máis información en asociacioncistergalicia@gmail.com.

Pode que che interese...