fbpx
Recreación da chegada de Colón á Española

Os argumentos que sosteñen que Colón, o descubridor de América, era galego

Tempo de lectura: 6 min.

“Reivindicar a Colón é unha tarefa pendente en Galicia” Carlos de Vilanova

Un dos maiores misterios da historia é a patria de Colón, si xa sei, diredes que era xenovés, pero, estades seguros? El mesmo encargouse de agochar o seu pasado e nin tan sequera aos seus fillos lles contou cal era súa orixe familiar. Que en tódolos manuais de historia saia que foi nado en Xénova débese á gran campaña publicitaria que fixo Italia sobre esta teoría, baseada en documentación que fala dunha familia de comerciantes chamada Colombo nesa cidade, e de interpretacións dalgunha documentación do propio mariño. A día de hoxe unha vella teoría vai collendo novas forzas e xa son moitos seus defensores: Cristovo Colón era de Pontevedra.

A orixe do Colón pontevedrés

Libro de Celso García de La Riega coa súa teoría de que Colón non era xenovés

O pai desta hipótese foi Celso García de la Riega a finais do século XIX. A primeira vez que a expuxo ao público foi en 1898 nunha conferencia en Madrid; contan que a xente acudiu escéptica a escoitalo, mais cando saíron xa non tiñan tan clara a idea oficial sobre a procedencia do comerciante italiano. En 1914 saía á luz o seu libro Colón español, su origen y patria.

Ao pouco tempo de publicalo García de la Riega morría, e nese momento estoura unha tormenta de críticas contra a súa obra e a súa persoa. Os maiores ataques viñan, sorprendentemente, doutros autores galegos: Manuel Murguía e Eladio Oviedo e Arce. Este último acusaba a Celso García de la Riega de falsificación dos documentos que empregou como fonte do seu traballo. Esta campaña de desprestixio parece que foi orquestrada desde Madrid polo secretario da Real Academia de Historia Ángel Altolaguirre, que ao parecer tiña amigos nas alturas aos que non lle gustaba que o Almirante nacese en España. Cando morreu Altolaguirre, un anticuario barcelonés mercou a súa biblioteca. Nun dos libros había unha carta do alcalde de Xénova ao embaixador italiano en España na que lle pedía que afundise a teoría galega. En Italia sempre houbo moito interese das autoridades porque o descubridor nacese naquel país, un dos máis acérrimos defensores da orixe xenovesa era Benito Mussolini.

Esta guerra contra o Colón pontevedrés case acaba coa figura do seu autor pero non coa idea, xa que moitos autores recolleron o guante e seguiron coa investigación.

En que se basea esta orixe pontevedresa?

En primeiro lugar está a documentación do século XV que fala dunha familia de mareantes pontevedresa chamada Colón. Os detractores dicían que o autor falsificara os documentos porque marcara, por riba, os nomes que aparecían nos papeis, porque a el máis lle conviña, mais el sempre afirmou que os perfilara para distinguilos mellor nas fotografías. Tiveron que pasar cen anos para que a ciencia demostrase que de la Riega non falseara nada: unha proba confirmou que o papel era do século XV-XVI e a policía científica, tras analizar os nomes remarcados, concluíu que a tinta do que está escrito por riba e por baixo coinciden.

Réplica da Carabela La Pinta, a primeira en chegar a territorio europeo logo da descuberta de America / baiona.org

Sorprendentemente o “Xenovés” non falaba italiano, non hai escritos del nesa lingua, e o máis curioso de todo era que para escribirlle a un matemático e astrónomo italiano amigo del, Paolo Toscaneli, tiña que pedir axuda a un tradutor. Porén a documentación que deixou estaba chea de léxico galaico-portugués, hai máis de 500 termos nesta lingua. Entre esas palabras hai algunhas (rocha ocultada polas mareas, esta expresión é moi usada nas Rías Baixas) ou xevileo (xubileo) que só se empregaban en Galicia. Hai que dicir que no século XV-XVI a maioría dos galegos que escribían en castelán coábanselle moitas verbas da nosa fala. A propia raíña Isabel a Católica chámalle portugués a Colón nunha carta, sería polo seu acento galaico-portugués?

Outro dos argumentos é a toponimia dos lugares que el descubriu no Caribe, moitos corresponden a nomes que tamén hai nas Rías Baixas e incluso están na mesma orde xeográfica; máis de 100 topónimos coinciden (que raro que para ser xenovés ningún sexa desas terras). A familia Colón de Pontevedra residía en San Salvador de Poio, na parroquia de Porto Santo, pois o primeiro nome que puxo nas Indias é San Salvador; en Cuba funda Porto Santo; en Xamaica (a que bautizou como Isla Santiago) chamou a dous ríos Miño e Xallas; etc.

A nao La Gallega

Unha das tres embarcacións que chegou a América en 1492, a Santa María, fíxose nun estaleiro do barrio da Moureira en Pontevedra, e nun principio foi bautizada co nome de A Galega. Por aquel entón a cidade do Lérez, que era o segundo porto comercial do Atlántico tras Lisboa, tiña moita fama no que a construción de barcos se refire.

Enríque Zas, un dos que continuou coa investigación, defende na súa tese que o dono de A Galega, Juan de la Cosa, era tamén de terras galaicas (Xoán da Coxa) e que tras alugarlle a nao a Colón, este lle mudou o nome por Santa María en honra da patroa de Pontevedra Santa María a Maior. Como proba disto dá o dato de que tras arribar ao Novo Mundo Colón celebrou a festa desta Virxe o 18 de decembro de 1492, festa moi celebrada tamén na cidade galega.

Casa da Cruz en Poio que relacionan coa casa natal de Colón

A casa do Almirante en Poio e “El huevo de Colón”

En Porto Santo (Poio) a tradición popular afirma que a casa coñecida coma Casa da Cruz, é onde naceu o descubridor. En fronte da casa hai un cruceiro no que se le o nome Joam de Colón o cal mandou facer aquel monumento. O bispo de Tui Diego de Avellaneda, nunha carta pastoral do tempo do descubrimento, di que Colón era nativo do Reino de Galicia e relaciónao cos Colón de Poio. Tamén os descendentes do Almirante herdaron terras en Pontevedra; por que tería terras aquí un comerciante italiano?

Hernando Colón, fillo de Cristovo, conta na súa obra Historia del Almirante de las Indias Don Cristóbal Colón que seu pai “limou” o apelido, este dato non é comprendido polos historiadores pero, podería agocharse a resposta na igrexa de Santa María a Maior? Resulta que naquel templo hai unha capela mandada construír por Joam Colón (o do cruceiro da Casa da Cruz) e resulta que no altar aparece gravado seu nome, coa curiosidade de que hai un espazo no seu apelido (Co lón) onde posiblemente habería un l, por que o quitaría? Nunha carta do rei Joao II a Cristovo en 1488, o monarca portugués chámalle Collón, o motivo polo que Joam lle quitou un l ao seu nome era para evitar confusión coa verba galega collón? Podería ser isto ao que se refire Hernando cando di que “limou” o apelido? E ten que ver isto co mito de “El huevo de Colón”?

O negro pasado do Almirante. Un nobre rebelde aos Reis Católicos?

O apelido Colón nun cruceiro de Poio

Que motivos fixeron que este persoeiro quixera ocultar seu pasado? Entre as hipóteses coas que se traballa estarían que fose un xudeu converso, e quixese ocultalo para que seu “sangue sucio” non fose un obstáculo ao seu proxecto; ou que combatese no bando portugués na guerra de Sucesión de Castela (1475-1480), que levou ao trono aos Reis Católicos.

Esta segunda idea é a que máis casa coa teoría da orixe galega e tamén é defendida polos seguidores da teoría catalá: puido ser un corsario ao servizo do rei Afonso V de Portugal, coma o capitán Casanova Coullón (que se asentou en Pontevedra); ou un nobre que se decantou polo bando castelán-portugués. Parece que a idea do nobre rebelde podería ser a clave que descubra o pasado de Colón, pois en Galicia hai un cabaleiro cuxa vida casa en moitos aspectos ca do mariño, pero diso falareivos noutra ocasión.

Colón produto da publicidade

Dicía nun programa Afonso Eiré (ex director de A Nosa Terra) que hoxe todo o mundo pensa que Cristovo Colón era xenovés por todo o aparato publicitario e investigacións con que o estado italiano apoiou a teoría, e que se a nosa hipótese non callou foi pola falta de axuda institucional.  Aínda así parece que o traballo que comezou Celso García de la Riega en 1898 pouco a pouco vai abríndose camiño. Hai un tempo, nun capítulo da serie el Ministerio del Tiempo, saíu Cristovo Colón, e, para a sorpresa de moitos, fálaballe galego ao fillo.

Para saber máis:

Alfonso Philippot Abeledo, Colón, galego. O almirante da mil facianas. Ed. Toxosoutos 2006.

https://revistaorballo.com

Escrito por

Historiador ourensán. Dende 2016 colabora en Revista Orballo e Radio Allariz

Pode que che interese...