fbpx
Vista do Castelo da Rocha, en Compostela / http://geomati-k.com/

Os segredos do castelo medieval da Rocha Forte, un dos máis importantes de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

“Si saven que la fortaleza de la Rocha Fuerte de a par de la çiudad de Santiago al tienpo y saçon quel dicho señor Patriarca ubo el dicho arçobispado e mucho tiempo antes estaba llebantada e muy bien edificada todo de cantaría de piedra de grano con su mezcla de cal y argamasa la qual hera la mas grande y mas fuerte fortaleza de todo el Reino de Galizia e que abia en ella una bara de casa torre de menaxe de quatro bobedas e mui gruesa pared con tres çercas y ençintos alderredor en que abia nuebe torre alliende de la bara de casa todas ensobradas con sus bobedas e almenadas y coronada con sus guirnaldas y en ellas sus cubos todos cubiertos e texadas de las quales una se dezia la torre nueba y otra de Santa Ofemia, en que estaba la iglesia de la adbocación de la dicha sancta y habia sus cabas y barbacanas, puertas, conpuertas e baluartes e una mina que benia debaso de tierra desde la fortaleza hasta el rio y abia caballerizas donde cabian mas de dozientos caballos y palaçios y hedefiçios de serbiçio y aposento para mas de dozientos onbres e muchos pertrechos e muniçiones y que tal bino la dicha fortaleza a poder del dicho señor Patriarca y la poseio e tubo en ella sus alcaldes e merinos por mas de diez o doze alois asta que la tomaron e derribaron. Digan e declaren que otros edefiçios abia y quien le derribo y la causa porque la derribaron y lo mas que saben de la dicha pregunta”. Transcrición do Preito Tabera – Fonseca.

Vista do Castelo da Rocha, en Compostela / http://geomati-k.com/

O castelo da Rocha Forte non é un castelo calquera. É unha das fortalezas máis importantes e máis impresionantes que tivo Galicia durante a baixa Idade Media. Foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, desde entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, e foi testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. Tamén foi unha das primeiras fortalezas en seren derrubadas polas Irmandades durante a Segunda Guerra Irmandiña, en 1467. E, ao contrario doutras moitas, nunca foi reconstruída. De feito, foi desmontada polo propio arcebispado, quen levou as súas pedras a outras propiedades eclesiásticas a partir de 1471

Durante os seus máis de 200 anos de actividade, esta fortaleza chegou a ser unha das máis importantes do seu tempo en Galicia. Nos seus muros tiveron lugar batallas que marcaron parte da historia deste país, mesmo asasinatos colectivos, como o dos responsables da revolta burguesa de 1320 no que se deu en coñecer como o Día da Ira.

Tamén salienta deste castelo a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela nesa revolta que dirixiu Afonso Suárez de Deza, da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe, que sería un dos asasinados no Día da Ira.

Os segredos do castelo

Precisamente, este xoves, o Castelo da Rocha foi o protagonista do duodécimo encontro monográfico sobre patrimonio cultural que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. ‘O Castelo de Rocha Forte: entre o presente e o futuro dun xacemento arqueolóxico’ serviu para poñer en valor a implicación veciñal na recuperación deste ben coa participación de arqueólogos, veciños e representantes municipais.

E nese encontro, María José Bóveda Fernández, arqueóloga que traballou nesta intervención integral do ano 2013, deu a coñecer algúns dos grandes segredos do castelo. Un deles, “cumpriu ben o seu labor defensivo durante dous séculos” da Idade Media xa que sufriu “duros ataques en varios momentos”, non só a man dos irmandiños. O outro, que se constatou e a existencia -xa anunciada documentalmente no Preito Tabera-Fonseca- dun terceiro recinto amurallado que podería ofrecer información relevante sobre o xacemento.

Recreación da rocha Forte / wikipedia

Polo tanto, a fortaleza estaría conformada por tres cintos amurallados ao redor dunha estrutura organizativa básica que ten como eixe central a torre da homenaxe cos seus catro sobrados. Xunto a esta, unha capela gótica (abovedada) coa advocación a Santa Eufemia. Todo o conxunto “moi bien edificada todo de cantaria de piedra de grano con si mestura de cal y argamasa…”, tal e como recolle o famoso preito.

A cerca máis interior que rodearía a torre da homenaxe estaría conformada por nove torreóns circulares (todos eles ameados e dun sobrado), catro nos extremos, tres de reforzo no medio dos muros sueste, nordeste e suroeste, e dúas torres máis flanqueando a porta principal do último recinto. Algúns autores aseguran que foi o gran castelo de estilo gótico de Galicia.

A vexetación cubre a fortaleza da Rocha Forte de Santiago / BNG

Segundo as testemuñas do citado preito unha destas torres tería a denominación de Santa Eufemia e outra a de Torre nova, mais descoñécese o nome das outras. Entre os diversos recintos, polo menos un ou dous foxos estarían sempre cubertos por auga. Portas, poternas, pontes levadizas e barbacás completarían un conxunto que en palabras dunha das testemuñas do preito “… e que hera alderredor cercada que paresçía una ciudad”. Podes ver aquí como é o castelo.

Campañas arqueolóxicas

No ano 2001 elaborouse un estudo preliminar a cargo de Iván Álvarez Merayo. A continuación realizáronse as campañas de escavacións a cargo dun equipo dirixido por Raquel Casal García e Fernando Acuña Castroviejo da Universidade de Santiago de Compostela. A primeira fase realizouse no ano 2002 e consistiu na limpeza da follaxe que cubría os restos da fortaleza e unha prospección intensiva da zona arqueolóxica, na que se topografiou o conxunto do sitio e se realizou unha investigación extensiva dos arredores da fortaleza. No ano 2003 iniciouse a segunda fase de actuación. Posteriormente, realizáronse catro campañas máis; en 2004, 2005, 2006 e 2013.

Pode que che interese...