fbpx
Torre de Caldaloba / foto Xabier Moure

Os veciños de Cospeito únense para salvar o último castelo de Pardo de Cela

Tempo de lectura: 3 min.

Un grupo de veciños e colectivos de Cospeito e de fora do Concello están unindo forzas para tentar salvar a Toir última fortaleza de Pardo de Cela que ameaza con caer polo seu estado de abandono e a desidia dos poderes institucionais e dos seus propietarios.

Actualmente, a Torre de Caldaloba está en perigo de derrube. A pesares de que a torre foi declarada Monumento Nacional por decreto de 22 de abril de 1949, o seu estado é de completa ruína. Para que se manteña en pé urxiría asegurar a fábrica para evitar o desprendemento das grandes pedras (algunha de 500 quilos) que están a piques de caer e repoñelas nas zonas máis degradadas.

O castelo está nunha propiedade privada e foi erixido, sobre un primitivo castro, na época baixomedieval (Hervés dátaa no século XIII, e Vázquez Seijas no XIV). Nalgúns documentos tamén aparece citado como castelo de Vilaxoán. Levántase no Coto do Mato, un outeiro situado a 467 metros de altitude. Para construílo escolleron o emprazamento dun primitivo castro da Idade do Ferro, aproveitando os foxos que o defendían. Consérvase unha arruinada torre de 25 metros de altura, de planta cadrada, con 10 metros de lado e muros de máis de 2,5 metros de espesor, construída en pizarra e cadeirado de granito nas esquinas.

A torre de Caldaloba, en Cospeito, ameaza con derrubarse / Xabier Moure

Petición de axuda 

O día 12 de agosto de 2016 Patrimonio dos Ancares presentou uns escritos no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia dirixidos ao Concello e aos partidos con representación no mesmo, PP, PSOE e BNG, solicitándolles que deran os pasos necesarios para evitar a ruína definitiva e a posta en valor da Torre de Caldaloba.

Pero, a día de hoxe non recibiron resposta algunha nin por parte do Concello nin dos partidos políticos. Por iso, e á vista deste desinterese, un grupo de persoas e colectivos do propio municipio e fóra del están a organizar unha serie de actos para reclamar a consolidación, limpeza e sinalización dunha das fortalezas máis emblemáticas de Galicia e que tamén figura no escudo do Concello de Cospeito.

O último baluarte dos Pardo de Cela

Tal e como xa publicou o Historia de Galicia, esta fortaleza foi destruída polos Irmandiños e reconstruída por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques das tropas dos Reis Católicos ata que tiveron que renderse ao podrecer a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venta para sufragar os gastos do asedio.

O abandono da torre prodúcese no século XVII, con referencias documentais sobre a venta de escombros procedentes da mesma. A presenza de vexetación e a exposición á choiva contribuíu á súa deterioración. A parte superior da torre desapareceu por completo e o resto está cortado por grandes gretas verticais. Máis da metade do terzo superior desapareceu (muros posterior e laterais), incluídas as xambas e arcos da porta e ventá principais (crese que roubadas para a utilización noutras construcións). A fábrica, no seu conxunto, presenta numerosos derrubes e gretas. A parte superior estaba coroada por ameas. Hai uns 30 anos colocouse unha andamiaxe arrodeando a torre para retirar as pedras en peor estado pero non se acometeu ningunha obra de consolidación.

Pode que che interese...