fbpx
Casa das Ciencias na Coruña / Galissia.com

Paralizado o despedimento dos traballadores dos Museos Científicos coruñeses

Tempo de lectura: < 1 min.

O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, asinou este mércores coa empresa que xestiona a atención ao público dos Museos Científicos e coa representante do cadro de persoal un acordo para garantir a continuidade destes servizos unha vez remate o contrato, o vindeiro día 14.

Deste xeito, a empresa comprométese a manter o servizo e, así mesmo, a estabilidade no emprego de todos os traballadores e traballadoras adscritos a estes nas súas condicións actuais durante o tempo necesario para a preparación, adxudicación e formalización dun contrato “ponte”, de próxima licitación.

Segundo informou o Concello da Coruña, a empresa tamén se compromete a retirar de forma inmediata o ERTE presentado, unha vez se inicie o expediente de contratación por parte da Xunta de Goberno local, esta mesma semana. Ademais, o acordo suporá a desconvocatoria da folga presentada polo persoal que presta este servizo para os días 8,9 13 e 14 deste mes.

“A transcendencia que ten para a cidade o correcto funcionamento dos Museos Científicos municipais e cada un dos seus servizos estivo presente durante toda a negociación”, dixo o concelleiro.

O Goberno local tamén incluirá na próxima Xunta de Goberno local, que ten lugar este venres, a proposta de acordo para a continuidade do servizo de atención ao público dos Museos Científicos. Do mesmo xeito, o Goberno local iniciará os traballos preparatorios para a licitación, mediante procedemento aberto, do futuro contrato de atención ao público, co obxectivo de formalizalo no prazo máis breve posible, “e de ser posible, neste mesmo ano”, incide o concelleiro.

Pode que che interese...