Vista do Alto do Circo, en Verin / Romanarmy

Que fai un mercado de mouros e de cabalos nun outeiro fortificado do val do Támega?

“O Circo era usado polos mouros para entrenar aos seus cabalos, dándolle voltas arredor dos muros. E os mouros facían as súas feiras no Alto do Circo, e vendían cabalos e tamén mineral”. Esta é unha das lendas que o equipo de Romanarmy e o investigador Bruno P. Rúa teñen recollido neste impresionante sitio arqueolóxico que se atopa en Feces de Cima, no concello de Verín.

Alí, estes días estivo traballando un equipo de arqueólogos do proxecto Romanarmy para tentar verificar se o sitio tivo unha ocupación romana, como aconteceu co Outeiro de Arnás. Pero máis alá das evidencias científicas, os expertos tamén atoparon estas lendas que falan de mouros, cabalos, comercio e minería.

Tal e como apunta o blog do proxecto, en Galicia hai poucas Feiras de Mouros, aínda que algunha delas ofreceu arqueoloxicamente datos espectaculares, coma o Mercado dos Mouros, en Valga, vinculado a un primeiro punto comercial romano en época de Augusto. “Pero a relación cos cabalos é máis estraña. O Alto do Circo tamén garda, ademais, lendas de tesouros. Hai que dicir que estivo sempre moi vinculado á aldea de Feces de Cima, porque é a divisoria das parroquias. Malia non ter contacto visual co Alto do Circo, os veciños teñen moito aprecio a este estraño lugar”, apunta a web.

A estrutura amurallada do Alto do Circo, en Verín, na zona sen prospección nin limpeza/ romanarmy.eu

O propio Bruno Rúa documentou outra lenda asociada a este sitio arqueolóxico, tal e como recolle a web Patrimonio Galego. “A pesar da falta de evidencias físicas, si que ten folclore asociado, e din os veciños que os mouros do Castro do Circo estaban conectados coa Muradella, unha vila romana en Mourazos, por un túnel, polos que levaban as vacas a pastar. Toda esta zona está chea de vellas explotacións mineiras, entre outras, de estaño”, indica.

As hipóteses de ocupación

Aínda que as lendas falan de castros e de ocupación romana, o certo é que as evidencias atopadas polo equipo de Romanarmy apuntan a unha ocupación do Bronce Final ou Ferro I (cara ao 800-1000 A.C.) ou mesmo a unha ocupación de época medieval inicial, entre o VIII e IX. Unhas hipóteses que serán ou non corroboradas logo de que se realicen as pertinentes análises de Carbono 14 de materiais atopados no lugar.

“Non documentamos materiais arqueolóxicos máis aló das estruturas”, sinala a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea na web do proxecto. “Unicamente aos pés do monte apareceron dous fragmentos de cerámica parduzca, feita á man, sen características suficientes para encadrala nunha cronoloxía ou outra. As tres pequenas sondaxes que fixemos só revelaron uns cravos e un fragmento de ferradura”. O equipo do proxecto ten aberta unha enquisa para que os lectores apunten as súas posibilidades. Podes votar aquí.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: