fbpx
Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago / Galipedia

Son os Mártires de Carral os primeiros mártires do nacionalismo galego?

Tempo de lectura: 2 min.

O 23 de abril de 1846 Galicia foi escenario dunha revolución. Unha revolución pequena que acabou con mortos e asasinados e que non cambiou, como algúns pensaban, o rumbo da historia deste país. En Cacheiras enfrontáronse as tropas sublevadas do coronel Miguel Solís, apoiado por sectores liberais e galeguistas, e as tropas realistas do xeneral Gutiérrez de la Concha, que foron as que, finalmente, se fixeron coa vitoria.

Nos días anteriores, os presidentes das Xuntas de Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra reuníranse na cidade cos representantes do exército Solís e Rubín. Iso deu pé a constituír dous corpos militares e a Xunta Superior do Goberno de Galiza para, o 15 de abril de 1846, publicar a proclama elaborada por Antolín Faraldo na que expresaba que “Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento”.

Espazo xeográfico onde tivo lugar a Batalla de Cacheiras, en Teo

Batalla en Santiago

Posteriormente, e tras a primeira derrota dos revolucionarios en Cacheiras, a batalla trasladouse á capital galega. A rúa das Trompas e o Hórreo foron escenarios da batalla que avantaxaron os revolucionarios até que esgotaron as municións. Mentres os xenerais Velasco e Buceta querían retirar as tropas ao Monte Pedroso, Solís optou por refuxiar 2.000 persoas no mosteiro de San Martiño Pinario, onde levaron tamén ao arcebispo Rafael Vélez. Entre eles estaban 300 estudantes e voluntariado civil.

O coronel Miguel Solís, protagonista do levantamento de 1846

Solís solicitou un armisticio mediante o arcebispo que foi rexeitado polo bando español. Os revolucionarios entregaron as armas; uns marcharon a Portugal e Solís foi apreixado nas escaleiras de San Martiño Pinario xunto con 60 oficiais, que foron xulgados por un tribunal militar e fusilados para aplacar a poboación disposta a continuar coa rebelión pola liberación do país. Nacían así os Mártires de Carral que, para algúns, son os primeiros mártires do nacionalismo galego.

Acto do BNG

Precisamente, e para lembrar esa data, da que se acaban de cumprir 171 anos, o BNG organiza un acto público de homenaxe a estes revolucionarios asasinados co obxectivo de dar a coñecer a vinculación da revolución de 1846 con Santiago de Compostela e cos albores do nacionalismo galego.

A presentación deste evento será a cargo de Goretti Sanmartín Rei e as intervencións de carácter histórico, por Encarna Otero, e o político, por Rubén Cela. “Con este acto quérese tamén recuperar a memoria do pobo galego, co fin de proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións que deron a súa vida á causa da liberación nacional de Galiza”, apunta esta formación nun comunicado.

Pode que che interese...