fbpx
Distribución da villa romana de Noville, en Mugardos

Unha “villa a mare” romana completamente abandonada en Mugardos

Tempo de lectura: 2 min.

“Abandoada á súa sorte coma o resto do patrimonio de Mugardos, unha magoa…”. Deste xeito denunciaba Francisco Miguens Portero nas redes sociais o estado no que se atopa a vila romana de Noville. O edificio estivo habitado entre os séculos III e IV d.C. e responde á tipoloxía de “villa a mare por estar situada ao carón do mar.

Estado de abandono no que se atopa a vila romana de Noville, en Mugardos / Francisco Miguens

A vila foi escavada en 1988 por Fermín Pérez Losada e atopouse un edificio principal cun patio aberto que era a área residencial da vila. Ten planta en U cun patio aberto cara ao mar no centro e dúas naves laterais unidas polo que parece unha galería transversal. Na nave oeste apareceu un sistema de calefacción tipicamente romano, “o hipocausto”.

Tal e como recolle a web patrimoniogalego, na nave este apareceu unha sala de grandes dimensións cun salón con ábsidas restos do que puidera ser un mosaico. Sería a suposta “zona noble” do edificio. En torno a ela existen outras dependencias como fornos, lugares para o gando e outros que aínda non se escavaron. No lugar atopáronse diversos materiais como útiles domésticos e incluso  un fragmento dunha cadea de ouro. Estes elementos consérvanse no Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña.

Curiosamente, e a pesar do seu estado de abandono, o Concello de Mugardos destaca na súa web este sitio arqueolóxico como lugar de visita obrigada no municipio. Para máis información, este estudo coordinado por Fermín Pérez Losada sobre os achados na vila.

Pode que che interese...