fbpx
Supostos lagares rupestres en Oímbra, Ourense / excursiones ramonrosita.blogger

A Universidade de Vigo investigará o pasado de Oímbra, o concello con raíz celta e lagares rupestres

Tempo de lectura: 3 min.

Hai quen relaciona a palabra Oímbra, concello ourensán do val do Támega, con Coimbra, en Portugal, e que procede do topónimo Onimbriga e contén o sufixo celta -briga- que significa “lugar elevado, santuario ou fortificación”. En todo caso, non está clara a orixe deste municipio, nin todo o pasado que atesoura.

Outro si xa foi descuberto e posto en valor, sobre todo tras a descuberta de 15 lagares rupestres que conforman un dos grandes conxuntos arqueolóxicos da provincia de Ourense. Os investigadores aínda non se puxeron de acordo pero apuntan a unha orixe medieval destes.

Por iso, representantes deste concello e da Universidade de Vigo asinaron este martes no campus de Ourense un convenio de colaboración en materia de documentación histórica coa finalidade de investigar as súas orixes históricas.

Supostos lagares rupestres en Oímbra, Ourense / excursiones ramonrosita.blogger

O convenio específico de colaboración en materia de documentación histórica ten como propósito “realizar actividades e proxectos en forma conxunta en materia de investigación histórica e documental sobre as orixes do concello de Oímbra, no contexto do Val do Támega”.

Concretamente cítase no documento “a recuperación e síntese da información documental coñecida sobre o concello de Oímbra no seu contexto territorial no val do Río Támega, a través da consulta da bibliografía e das fontes apropiadas”. Tamén recolle a recuperación e síntese da información histórica e a conformación do territorio administrativo do concello, a través da consulta da bibliografía e das fontes correspondentes, como son os fondos documentais e cartográficos de arquivos tales como o Arquivo Histórico Nacional, o Arquivo Xeral de Simancas, o Arquivo da Real Chancillería de Valladolid, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Arquivo da Catedral de Ourense e o Arquivo Histórico Diocesano do Bispado de Ourense.

O convenio tamén inclúe a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa doutras investigacións de carácter histórico ou arqueolóxico que poidan acontecer no termo municipal, sempre que sexan de interese mutuo entre as partes.

A alcaldesa de Oímbra e o reitor de Vigo asinan un convenio para estudar o pasado deste concello ourensán / Duvi

Especialistas en Historia Antiga, Medieval e Moderna

Neste primeiro proxecto, financiado con 4000 euros polo Concello de Oímbra, participarán desde a Facultade de Historia do campus de Ourense a investigadora Beatriz Comendador, especialista en Prehistoria e Historia Antiga, e Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez, especialistas na etapa Medieval e Moderna.

Segundo explicou Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, con este convenio dáse un paso máis na dinámica do persoal investigador do seu centro de interacción cos concellos. Se ata o de agora, explicou, esta interacción estaba centrada nas escavacións arqueolóxicas, este proxecto céntrase “na información documental, no coñecemento a través das fontes”, levando a cabo “un labor detectivesco” no que se parte “dunha páxina en branco e a ver que atopamos da historia de Oímbra”.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, foron os encargados de asinar o acordo. O reitor salientou como esta iniciativa se enmarca “na dinámica de relacionarnos coa nosa contorna social” e como supón un exemplo máis de como a institución académica “está absolutamente comprometida co territorio”.

Pode que che interese...