Lucho Penabade e Tero Rodríguez, de Os Quinquilláns, son os encargados de realizar as visitas guiadas teatralizadas nas torres do Allo de Zas / QPC

Visitas teatralizadas, as novas formas de potenciar o patrimonio galego

Coñecer como era a vida séculos atrás e descubrir os agochos de dous dos edificios máis emblemáticos da Costa da Morte, o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo, son os obxectivos que perseguen os concellos de Vimianzo e de Zas a través dos seus programas de visitas teatralizadas. A compañía teatral Os Quinquilláns encárganse de darlle forma á iniciativa posta en marcha por senllas concellerías de Cultura; con Marta Rei Lema e Manuel García Velo á cabeza.

E despois do éxito destes anos, estes días volven as visitas teatralizas ao Castelo de Vimianzo e ás Torres do Allo. Os dous espazos tiveron sesións teatralizadas gratuítas e para todos os públicos estes días de Semana Santa.

Lucho Penabade e Tero Rodríguez forman parte do elenco dos Quinquilláns e son os encargados de darlle vida a estes espazos emblemáticos. A súa compañía formouse en 1989 como grupo de teatro de rúa con temáticas distintas aínda que case sempre históricas. Coa crise viron como ese tipo de espectáculos “caeron en picado” polo que comezaron coas visitas teatralizadas e foi o de Vimianzo un dos primeiros concellos da Costa da Morte que puxo en marcha este tipo de oferta.

Como se comporta o público dunha visita teatralizada?
Á xente gústalle moito ser partícipe. Antes o público era un espectador e hoxe quere participar na función. Por eso, sempre tratamos que interactúe na visita.

Nas vosas visitas teatralizas, hai máis xente da zona ou a maioría son turistas?
Hai un pouco de todo. A min paréceme que en Vimianzo hai máis público turista que xente da zona mentras que nas Torres de Allo é ao revés. Aquí tamén hai programación escolar que usan a visita teatralizada como unha actividade didáctica.

Que ten de especial actuar en lugares emblemáticos como o Castelo de Vimianzo ou as Torres do Allo?
Para nós son ideais, son os escenarios perfectos. Cando faciamos teatro de rúa tiñamos que superar unha serie de obstáculos como o tráfico, a cantidade de xente, os comerciantes, a ilumación, a sonoridade… Pero cando traballamos nun espazo como o de Vimianzo ou o de Zas directamente o guión faise cunha dramaturxia concreta o que fai que escribas para o sitio. E desta forma, o guión sempre medra.

Que vantaxes teñen estes escenarios?
Neste tipo de lugares non necesitamos facer ningún tipo de escenografía porque a que hai é insuperable. Temos un fondo de paredes marabilloso, unha sonoridade estupenda… polo que só nos temos que preocupar de investir na vestimenta.

Que queredes conseguir coas visitas teatralizadas tanto do Castelo de Vimianzo como das Torres do Allo?
Hai tres cousas. Unha, que a xente participe. Outra, que o pase ben. E a terceira é que leve unha idea mínima de que eran aqueles espazos: vestían así, facían este tipo de traballos, relacionabanse así,… Ideas moi pequenas de como era a vida en épocas pasadas.

Entrevista de Lorena Martínez no medio colaborador Que Pasa na Costa

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: