fbpx
Concellos nos que está a Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón

160.000 hectáreas de Galicia e Asturias serán protexidas dentro da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón

Tempo de lectura: < 1 min.

 

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores o anuncio polo que se fai público o primeiro plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, co que se pretende garantir o desenvolvemento económico sustentable das comarcas integradas nel así como a posta en valor do seu patrimonio cultural e natural.

Este plan que foi aprobado durante a reunión anual da Comisión de coordinación institucional da Reserva celebrada en abril en Baleira (Lugo) e está baseado en 11 liñas estratéxicas de acción, coas que se pretende harmonizar a conservación co aproveitamento económico dos recursos naturais da zona.

Estas medidas poranse en marcha, en Galicia, en sete concellos da provincia de Lugo: Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada; integrados nesta reserva interautonómica que abarca unha superficie próxima ás 160.000 hectáreas entre Galicia e Asturias.

O plan que contempla un total de 26 actuacións específicas para promover o desenvolvemento sustentable das actividades agrogandeiras, forestais, piscícolas, marisqueiras e empresariais, así como fomentar o turismo de calidade e a artesanía local.

Igualmente, este plan xestor contempla accións para a protección e posta en valor dos recursos etnográficos, culturais e patrimoniais sen esquecer o importante labor que desenvolven os órganos xestores das reservas da biosfera en canto á investigación e á educación ambiental.

Pode que che interese...