fbpx
Cárcere da Torre, na Coruña / coruneando.blogspot.com

Ábrese a convocatoria para presentar proxectos no espazo do antigo cárcere da Torre

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello da Coruña abriu a convocatoria para a selección do proxecto de dinamización sociocultural a desenvolver nos espazos que se abrirán ao uso no antigo cárcere da Torre. A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e dirixida a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, inclúe como requisito a reserva dun 40% dos contidos da programación a accións destinadas á recuperación da memoria histórica, o apoio da creación local e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade.

O prazo para presentarse a este proceso, que se abre en réxime de concorrencia competitiva para asociacións e entidades sen ánimo de lucro da cidade, e cuxas bases poden consultarse na web municipal, é de 45 días, a contar desde a xornada de mañá xoves, tras a publicación das bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.

O obxecto desta convocatoria, tal e como sinala a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, pasa por seleccionar un proxecto integral de dinamización para os espazos do inmoble destinados a albergar actividades educativas, artísticas, socioculturais ou lúdicas de carácter non lucrativo. Estas actividades abriranse ao uso en virtude do convenio asinado polo Goberno local co SIEP -a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, que depende do Ministerio do Interior- para a cesión ao Concello do edificio da antiga prisión provincial durante dous anos prorrogables para a realización de actividades socio-comunitarias e culturais.

Memoria histórica

Entre os requisitos que se recollen nas bases da convocatoria para a cesión de usos destes espazos cóntase a obriga de reservar un 40% dos contidos da programación a accións destinadas á recuperación da memoria histórica, o apoio e posta en valor da nova creación local e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade con carácter regular.

O proxecto, de acordo coa regulación feita pública hoxe a través do BOP, deberá contemplar un proxecto de gobernanza que garanta a máxima participación e pluralidade nos procesos de toma de decisión e dinamización das actividades, e respectar e contribuír á difusión dos valores de convivencia, inclusión social, igualdade entre persoas e respecto á sustentabilidade ambiental e o comercio xusto. Como tamén se recolle nas bases, a cesión de uso dos espazos terá un prazo dun ano, renovable de forma anual, previo acordo co Concello.

Calquera dúbida en relación coa convocatoria pode consultarse a través do correo participacion@coruna.es.

Pode que che interese...