fbpx
Ilustración con dous enfermos de lepra / index-f.com

Buscan evidencias para oficializar un antigo camiño a Santiago que utilizaban os leprosos

Tempo de lectura: 3 min.

Ribadavia acolleu o pasado sábado a primeira xuntanza dun grupo de investigadores e investigadoras de distintos ámbitos, que traballan na compilación de información sobre un camiño que parte do sur de Ourense co propósito de unificar esforzos no estudo dunha antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, o camiño Miñoto-Ribeiro.

Unha das igrexas do Camiño Miñoto-Ribeiro / Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro

Entre eles, a profesora da Facultade de Fisioterapia e coordinadora do grupo de investigación MP1 (Medicina Preventiva e Saúde Pública), Lourdes Maceiras, que desde hai anos afonda na historia dun camiño que non ten a consideración oficial de ruta xacobea e que agrupaba, como explica, “unha importante cantidade de hospitais medievais e de augas mineromedicinais”. Esta ruta era empregada polas persoas enfermas de lepra para chegar a Compostela. Co propósito de dar visibilidade ao camiño, Maceiras é tamén a coordinadora dunha exposición itinerante que desde 2013 percorre os diferentes municipios da ruta e que actualmente pode visitarse no Parque Náutico de Castrelo de Miño.

Unha xuntanza para coordinar esforzos

Once expertos e expertas en historia, arqueoloxía ou literatura medieval tomaron parte na xuntanza celebrada na sede do Club Artístico de Ribadavia, a primeira que promoven, explica Maceiras, co propósito de “traballar de xeito intersectorial en aspectos que teñen que ver coa cultura, historia, arte, literatura e saúde” do camiño Miñoto-Ribeiro. O propósito final, engade esta investigadora na web da Universidade de Vigo, é tanto “visibilizar toda a potencialidade que ten en todas estas facetas” unha ruta que transcorría polos concellos de Lobios, Entrimo, Padrenda, Pondedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Santiago de Compostela e o municipio portugués de Melgaço, como tentar conseguir “a súa oficialización para o próximo Ano Santo Xacobeo”, en 2021.

“O obxectivo era establecer unhas liñas comúns de traballo e tamén dividilo, especializarnos”, engade Maceiras dunha iniciativa na que contan coa colaboración da Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro, que agrupa aos concellos polos que transcorre a ruta.

Unha ruta na que a saúde é parte da súa historia

Esta posta en común contribuirá tamén a avanzar en ámbitos concretos do estudo do camiño, como o que centra o labor dos grupos MP1 e Hygieia, coordinados por Maceiras, respecto da incidencia que tivo este camiño no eido da saúde pública. “Este camiño ten dúas características que o diferencian de todos os demais”, salienta esta investigadora, en alusión ao número de hospitais medievais que existiron a carón da ruta, rexentados pola Orde de San Xoán de Xerusalén, tamén chamada Orde de Malta, e polo “importante peso específico” que tiñan as augas mineromedicinais.

Pena Corneira, no camiño Miñoto-Ribeiro / periodicodelcamino.com

De feito, xunto aos antigos hospitais, un dos eixos actuais do traballo que realiza o grupo de Maceiras, coa colaboración da Cátedra Hidroloxía Médica da USC, atópase en elaborar un censo “daquelas fontes que non se converteron en balnearios e que nalgúns puntos seguen a ser lugares aos que vai a xente con problemas de saúde”.

Arte para dar a coñecer o camiño

Co obxectivo de visibilizar esta antiga ruta, tanto desde unha óptica xeral como nos propios concellos que atravesa, a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coa colaboración do colectivo Medicina e Arte en Galicia e da asociación que agrupa aos concellos da ruta, puxo en marcha en 2013 Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro.

Trátase dunha exposición colectiva que desde marzo se atopa no concello ourensán de Castrelo de Miño, onde poden contemplarse as obras achegadas por máis de 40 creadores e creadoras e que, como explica Maceiras, vai incorporando no seu paso por diferentes municipios as achegas de artistas locais e obras cedidas polos concellos. E tamén, obras de membros da comunidade universitaria, como a alumna de Fisioterapia Daniela Puga, que achega a esta unha cuncha e un acio realizado con xabón natural elaborado con augas do balneario de Berán; ou da egresada desta facultade Tania Boo, así como PAS Xabier de Novás, que suma unha fotografía a unha exposición que poderá visitarse en Castrelo de Miño ata o 5 de xuño e que posteriormente se trasladará ao municipio de Ribadavia.

Pode que che interese...