fbpx
A soprano Magna Ferreira, que interpreta pezas musicais da Inglaterra renacentista / DUVI

Chega a Galicia a música da Inglaterra do século XVI

Tempo de lectura: 2 min.

Pontevedra acolle entre este mércores e este venres a 28ª edición do Congreso Internacional da Sociedade Española e Portuguesa de Estudos Renacentistas Ingleses (SEDERI), que proporá unha reflexión arredor da literatura e cultura inglesas deste período. Unha viaxe literaria que o venres se verá complementada polo achegamento sonoro ao Londres do século XVI que articulará no Teatro Principal o grupo de música antiga Capela Compostelana. The Cries of London é o título deste recital, promovido pola Vicerreitoría do campus e centrado nas chamadas consort songs, cancións compostas para un grupo de violas de gamba que se interpretaban tanto na corte como nas reunións familiares da Inglaterra da época.

Trátase, como explica o intérprete e experto en música antiga Francisco Luengo, director de Capela Compostelana, “dun tipo de composicións que poderiamos traducir como cancións de conxunto e que chegaron a ser moi populares en Inglaterra durante o século XVI”. Coa participación da soprano portuguesa Magna Ferreira, Luengo situarase neste recital á fronte dun cuarteto de violas de gamba -un instrumento moi popular no século XVI pero practicamente desaparecido a finais do XVIII, para interpretar unha serie de composicións “pensadas moitas veces para ser tocadas en grupos de amigos ou en familia, normalmente con moito virtuosismo”- nunha actuación con entrada libre, previa solicitude de invitación e confirmación de asistencia no correo vic.pon@uvigo.es.

Os sons de Londres

The Cries of London é o título do recital que Capela Compostelana interpretará por primeira vez, cunha formación integrada por Sara Ruiz, María Alejandra Saturno, Xurxo Varela e Francisco Luengo, xunto coa cantante portuguesa Magna Ferreira. Fundado en 1988, este grupo de música renacentista e barroca ten actuado prestixiosos ciclos sobre música antiga en Europa e Estados Unidos, gravado tres discos e traballado na recuperación de antigas tradicións e liturxias relacionadas coa Catedral de Santiago. Á fronte deste sitúase desde o seus inicios Francisco Luengo, luthier, músico e profesor, un dos especialistas escollidos pola Fundación Barrié para o proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria e fundador tamén do grupo Malandança, dedicado á interpretación de música medieval con eses instrumentos, así como responsable, en 2004, da transcrición e estrea do drama litúrxico do século XII Ordo Prophetarum.

Coa voz de Magna Ferreira, formada en piano e canto no Conservatorio de Música de Aveiro e na Escola Professional de Música do Porto e doutora pola Universidade do Minho, Capela Compostela estreará neste recital un programa que abrirá coa interpretación de nove pezas de William Byrd, “un dos mellores compositores da historia, un autor moi prolífico que ten música tanto relixiosa como profana”, explica Luengo. O concerto achegarase así mesmo ás composicións de John Downland, “outro dos grandes compositores ingleses, laudista e o prototipo de home da súa época, elegante á vez que melancólico”, para pecharse finalmente coa peza que dá título, ao concerto, The Cries of London, de Thomas Weelkes, “unha consort song baseada nos auténticos sons do Londres do século XVI, nos pregóns dos vendedores ambulantes, que nos pareceu especial para pechar este concerto”, salienta o director de Capela Compostelana.

Pode que che interese...