fbpx
Vendo as estrelas, o cosmo desde Galicia / mundocosmo.com

Como se ve o cosmos desde Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

Trasladar a divulgación e a historia astronómica a todos os lugares nos que sexa demanda é o principal obxectivo de TodoCosmos, un proxecto de divulgación astronómica da USC que desenvolverá durante o 2017 a súa cuarta edición consecutiva co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a iniciativa do Observatorio Ramón María Aller da USC.

Deste xeito, o Observatorio da USC complementa a súa misión investigadora e docente coa de “centro de interpretación dos cosmos, dando servizo a amplos sectores da sociedade”,explica o seu director, o profesor José Ángel Docobo.

Este mesmo sábado 20 está prevista unha sesión de observación nocturna en Porto do Son, a partir das 22.00 horas, á que lle seguirán outra en Carballo o 30 de maio e en Rois o 10 de xuño. Ao longo do ano, o Observatorio Astronómico da USC está aberto as peticións que desde distintos concellos ou outras entidades fan para a organización de actividades de divulgación astronómica in situ.

A FECYT outorgoulle a TodoCosmos a consideración oficial de “práctica innovadora en cultura científica” por ter levado actividades para todos os públicos e idade a centros educativos, comunidades terapéuticas, centros penitenciarios, prazas e rúas, paseos marítimos e fluviais ou cimas emblemáticas, entre outros lugares. Ademais, a programación inclúe a recepción de visitas e sesións de observación na sede do Observatorio Astronómico da USC.

Un cento de actividades

Durante 2016 realizáronse un cento de actividades divulgativas arredor da astronomía nos concellos de Allariz, Ames, Barbadás, Boqueixón, Carral, Lalín, Melide, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tordoia, Vedra, Vila de Cruces e Vilar de Santos. No propio Observatorio realizáronse sesións para colexios e grupos non só de Santiago senón tamén de Vigo, Estremadura, Sartrouville (Francia), Tordoia, Padrón, Bueu, Altea (Alacante), A Estrada e Boiro. No caso concreto de Santiago, José Ángel Docobo destacou o importante volume de iniciativas desenvolvidas como as múltiples visitas guiadas e sesións didácticas ou a celebración do Mes da Astronomía, que teñen lugar ao longo do mes de novembro na Biblioteca Anxel Casal.

Ademais da colaboración dos múltiples concellos galegos que se teñen sumado ás anteriores edicións de TodoCosmos, o programa conta coa colaboración da empresa Óptica Val. O equipo da iniciativa está constituído por José Ángel Docobo, Pedro Pablo Campo Díaz, María Brea Mato, José Ramón González Romay e Jorge Gómez Crespo.

Pode que che interese...