Edificio modernista na Avenida de Oza, na Coruña / BNG

Denuncian o estado de abandono de edificios modernistas na Coruña

A asociación de veciñal Oza Gaiteira Os Castros volve denunciar o estado de abandono no que se atopa un edificio modernista sito na Avenida de Oza 152, catalogado co nivel de protección III (protección estrutural).

“É evidente que non existe un verdadeiro interese dos propietarios polo mantemento adecuado do edificio, incumprindo os Art. 5.1; Art. 7.1 e Art. 43.1 da Ordenanza Municipal publicada no BOP nº 264 do 17 de novembro de 2006”, apunta nun comunicado. “Este patrimonio cultural pode desaparecer por non facerlle cumprir as normas aos propietarios, máis preocupados pola especulación e o enriquecemento aínda que sexa destruíndo este patrimonio”, engade.

Así, lembra que o non cumprimento da obriga que ten a propiedade de presentar un Proxecto técnico de rehabilitación integral segundo o Pronunciamento 2º do Expediente de Ruína aberto polo Concello da Coruña, significa abondar nos incumprimentos continuos, manter o deterioro da propiedade, e a posibilidade dunha ruína inminente.

A Asociación de Veciñal Oza Gaiteira Os Castros considera que debe manterse tanto a fachada como a estrutura do edificio modernista da Avenida de Oza e rexeitan por completo a demolición ou o baleirado do inmoble. “Entendemos que debe conservarse integramente a fachada do edificio e os elementos estruturais e tipolóxicos básicos”, indica.

Por iso, pídenlle ao concello a actuar, facendo cumprir a lei para evitar que o edificio siga a deteriorarse, “antes de que os danos sexan irreparábeis e a perda irrecuperábel”, conclúe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: