fbpx
Dolmen da Casa dos Mouros, no Valadouro, esnaquizado por traballos agrícolas / Mariña Patrimonio

Esnaquizan un dolmen e levan dúas das súas laxes para adornar un xardín

Tempo de lectura: 2 min.

Outra nova triste para o patrimonio galego, desta volta, no Valadouro. ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron o pasado 9 de maio unha denuncia perante o Servizo de Patrimonio Cultural, despois de ter noticia da destrución do dolmen da Casa dos Mouros de Lobeira, na parroquia de Budián, no transcurso duns labores forestais.

Segundo a información achegada por diferentes fontes, supostamente os responsables dos danos infrinxidos na Casa dos Mouros incumprirían os requisitos de patrimonio para a corta e plantación dos eucaliptos no dolmen e na súa zona de protección.

Probablemente os espoliadores aproveitaron as pas mecánicas e a maquinaria pesada, utilizadas na realización dos labores forestais, para extraeren dous esteos do dolmen e para trasladar un deles a un xardín situado nunha casa no concello de Foz, onde foi localizado polo SEPRONA. O outro esteo deixárono abandonado á beira da mámoa porque lles partiu cando o sacaron do túmulo.

Estado no que quedou o dolmen da Casa dos Mouros, no Valadouro, tras unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

“Lamentablemente, ademais deste espolio, o túmulo foi totalmente furado coas pas mecánicas o que acabou provocando aínda máis danos no xacemento”, apuntan estas entidades.

A desfeita neste monumento é dobremente ferinte porque o dolmen da Casa dos Mouros está catalogado, é un xacemento sobradamente coñecido polos veciños do lugar e, ademais, existe bibliografía sobre el e mesmo se pode atopar información na páxina oficial do Concello do Valadouro, así como noutros sitios de Internet. E, aínda por riba, o causante da desfeita sabía que tiña que pedir un permiso a Patrimonio e non o fixo. Motivo polo que o seu caso pode ir pola vía penal.

Os efectos dos eucaliptos

“A masiva destrución do patrimonio, provocada pola industria do eucalipto, é un grave problema que a Consellería de Cultura non quere afrontar, sexa por submisión á todopoderosa industria forestal ou simplemente por falta de capacidade”, apunta Mariña Patrimonio e ADEGA. Hai exactamente un ano, estas entidades xa denunciaron os danos ocasionados polos eucaliptos noutro túmulo existente na Lobeira.

A día de hoxe non hai constancia de que a Consellería de Cultura teña actuado para esclarecer os feitos denunciados. “Sexa por incompetencia ou por submisión, a Consellería está enviando unha mensaxe clara: a destrución do patrimonio non ten consecuencias para quen o destrúe”, denuncian. Por outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio danlle os parabéns ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil pola súa rápida e eficaz actuación, “ xa que grazas ao seu labor localizáronse os restos espoliados e foron identificados os posibles responsables dos danos e do espolio da Casa dos Mouros de Lobeira”.

Pode que che interese...