fbpx
Vistas da Fraga do Mandeo, unha das que mellor se conserva de Galicia / Íñigo Mouzo

As fragas do Mandeo, un dos últimos bosques primixenios de Galicia, ameazadas polo eucalipto

Tempo de lectura: 12 min.

Poucos recunchos quedan no país que poidan ser verdadeiramente referentes do bosque autóctono de Galicia, do bosque atlántico, da fraga caducifolia galaico-portuguesa, ou, nas palabras dos devanceiros galeguistas, do mítico bosque primixenio galego. Nas rías ártabras, a pesar da súa proximidade coa conurbación Coruña-Ferrol, atópanse aínda algúns dos bosques mellor conservados de Galicia. No chanzo ártabro, encaixados entre os montes que os cercan, en pequenos canóns, consérvanse, aínda a día de hoxe, fragas autóctonas e bosques de ribeira que persisten ao paso dos séculos e que conservan no seu interior importantes vestixios históricos.

Son exemplos únicos, dentro dos bosques galegos, de diversidade ambiental, de fauna e flora, mais tamén dos que mellor acollen a relación entre o patrimonio natural e o cultural, con lugares como Caaveiro ou A Espenuca. As Fragas do Eume, o gran bosque por excelencia de Galicia, afamado internacionalmente, é o máis coñecido de entre estes, pero hai moitos outros recunchos esquecidos para a cidadanía e as administracións. As do Mandeo, o bosque descoñecido da comarca de Betanzos, sobresae entre eles.

Coma o Eume, o Mandeo é tamén un río que desemboca no Atlántico, no golfo Ártabro, e que nace lonxe de alí, nos montes que separan as provincias da Coruña da de Lugo, na Serra da Cova da Serpe. Igual ca o Eume escorrega meténdose no chanzo ártabro e, preto da súa fin, embócase nun canón que asubía entre as antas dos montes de Coirós e Aranga, ata desembocar finalmente ao pé da histórica vila de Betanzos.

Tamén, igual ca o Eume, o seu carácter abrupto, as súas paredes empinadas, serviron para preservar o bosque tanto da agricultura intensiva coma da explotación forestal. E, a semellanza do seu irmán maior, na súa contorna conserváronse tamén vestixios dun pasado fecundo que tivo por referente as marxes dun río que foi fonte de riqueza e de sabedoría popular, e presérvanse vestixios desde o Neolítico ata a actualidade, coas súas máis importantes pegadas no medievo.

Pasa por varios concellos

O Mandeo é un río de vertente atlántica, como a maioría dos ríos de Galicia, que nace no Marco das Pías, na parroquia de Codesoso, en Sobrado e que flúe ata a ría de Betanzos ao longo de 56 km, ata a parroquia de Tiobre, na aldea de Betanzos vello, e xera unha conca duns 366 km2. Nace na Cova da Serpe, e remata na foz do Mandeo, ten como gran afluente o Mendo, co que forma a mítica enseada que rodea en tres partes a histórica vila de Betanzos. As fragas do Mandeo, en rigor, cobren o tramo medio-baixo do río, nos concellos de Betanzos, Coirós, Paderne e Aranga, e localízase no canón que se forma baixo o monte mítico da Espenuca, aínda que a vexetación das fragas e do bosque de ribeira ocupa todo un corredor natural desde o seu nacemento ata a vila dos Naveira.

Esta zona ao quedar encaixada entre as ladeiras conservouse nun moi bo estado de conservación, a pesar das especies invasoras. Ademais constitúe o curso medio-baixo co que posúe unha grande cantidade de leitos e de praias fluviais naturais e cantos rodados que son niños perfectos para o desove de peixes. Unha riqueza natural que durante moito tempo foi valorada como un espazo privilexiado para a pesca, onde se poden atopar salmóns e troitas, e, río abaixo, o reos, anguías ou lampreas. Non obstante, durante moitas décadas outros aspectos do lugar, como a súa riqueza de flora e de fauna, quedaron esquecidos e ameazados ata que o empeño dalgunhas asociacións e administracións mudou, só en parte, o problema.

Camiño na Fraga do Mandeo / Íñigo Mouzo

Un dos ricos ecosistemas de Galicia

O  certo é que o bosque do Mandeo ten un dos máis ricos ecosistemas de Galicia, cunha grande diversidade de especies, máis de 400 vexetais e outras 350 animais, así como outras tantas de invertebrados e insectos, das que máis dun cento están protexidas e que representan case un 20% de todas as que se atopan no territorio galego. Moitas delas son escasas e endémicas e atópanse ameazadas ou en perigo de extinción, co que supón un dos grandes refuxios de biodiversidade de Galicia. Especies coma o picamartelos, unha especie de narciso autóctono, o caracol Quimper, a píntega rabilonga, o lagarto da serra -o hábitat máis preto do mar desta lagartiña-, ou varias especies de fentos, teñen un dos seus grandes refuxios nestas ribeiras.

Neste bosque atópase vexetación de ribeira, como ameneiros, freixos, salgueiros, abeleiras, etc., xunto con fragas de carballos e castiñeiros, así como moitas outras árbores atlánticas. Tamén unha diversidade de arbustos, como espiños, sanguiños, ou mirtos; e fentos, coma a fieita real, o fento frisado, o fento de botón ou a fieita de auga. Tamén unha diversidade de invertebrados, como o mexillón de río, que ten unha das súas maiores poboacións da península nestas augas, especies de lesmas e caracois, así como poboacións de besbellas e libeliñas, das que o Mandeo é unha das súas maiores reservas en Galicia. Tamén é unha grande reserva de vacalouras, o escaravello máis grande de Europa, ou mamíferos como o morcego de ferradura, ademais lontras, martas e armiños. En canto a aves, o picapeixe ou o merlo rieiro teñen o seu hábitat no bosque.

Santa Baia da Espenuca

Sen dúbida no seu aspecto natural é un lugar único. Máis non só no natural, xa que as Fragas do Mandeo, a pesar de seren unha das grandes fragas descoñecidas de Galicia, posúen un carácter moi similar ás súas afamadas veciñas do Eume, cun gran carácter monumental e histórico e unha enorme potencialidade a nivel turístico. Do mesmo xeito que as do Eume, contan con vestixios patrimoniais perdidos baixo o seu curso, historias e lendas e restos desde o Neolítico ata o século XXI. Ao longo do curso das fragas podemos atopar, ademais de centrais eléctricas, batáns, muíños, pozas con lendarias historias, os restos dun balneario, así como o propio campo da festa dos Caneiros, unha das romarías máis singulares e únicas de Galicia. Pero sen dúbida o grande vestixio patrimonial do lugar é o santuario de Santa Baia da Espenuca, un conxunto coroado por unha hermida románica alzada sobre un outeiro que domina as fragas.

O de Santa Baia da Espenuca é un deses lugares paradigmáticos da cultura galega, unha hermida románica do século XII construída no alto dun outeiro para cristianizar un lugar claramente relacionado con cultos pagáns, que se alza directamente sobre o río a uns 300 metros de altura. De non ser polos eucaliptos hoxe sería o mellor miradoiro das comarcas das Mariñas e Betanzos. O certo é que a hermida ten unha estrutura románica típica do século XII, con algúns cambios realizados nos séculos XVI e XVIII e rehabilitada en 1949 e 1985. Ten planta basilical e ábsida de testeiro recto, o que a sitúa no último terzo do século XII. Xunto á hermida atópase tamén a capela dos Remedios, de datas moi posteriores, pero que fai referencia ás antigas tradicións precristiás asociadas ás rochas deste monte. Estes refuxios pétreos puideron servir para ritos relacionados coa espiritualidade precristiá con tradicións de fecundidade e bo parto, ritos que se transmitiron ao santuario católico. O conxunto está rematado por un campanario mural, que ocupa o lugar máis alto, e que dataría de época barroca, e ao que, no século XX, se lle engadiu un cruceiro. En 1949, o lugar foi tamén convertido en miradoiro.

O Mandeo foi tamén imprescindible no desenvolvemento da vila de Betanzos, un dos máis importantes portos marítimo-fluviais de Galicia ata o século XVI. Vila erguida sobre un istmo entre dous ríos, o Mendo e o Mandeo, próximos os mosteiros de Monfero e Sobrado, dous dos máis importantes do norte de Galicia, e dos que a vila era a súa maior despensa troiteira e de peixe en xeral. Sobre o propio Mandeo, Betanzos, co seu muíño de maquía, era o grande abastecedor de fariña da comarca en épocas de seca. Mais a relación entre Betanzos e o Mandeo ten o seu grande fito na festa dos Caneiros, unha festa que se celebra entre o 18 e o 25 de agosto e que ten as súas orixes en cultos precristiáns, e na que pequenas embarcacións tradicionais percorren o curso do río ata o interior da fraga para celebrar, na sombra do bosque de ribeira e no fresco do río, a romaría pagá.

Mais tamén hai restos moi anteriores, que se perden no fondo da memoria tradicional da cultura da contorna. Penas, coma as da Espenuca, as moi próximas da Señora ou Furada, rodean o contorno do río, asociadas a antigas lendas e tradicións. No fondo do curso diversas pedras e saltos son depositarias de historias, como a poza da Moura, tesouros agachados, poderes milagreiros, curandeiros e antigas tradicións pagás. Algunhas como a pena Furada posúen inscricións con petróglifos antropomorfos e outras marcas, e algo máis lonxe, en lugares como nas proximidades do monte do Gato, consérvanse restos de castros e unha mámoa. 

A fraga do Mandeo, unha das mellor conservadas de Galicia / Íñigo Mouzo

Algúns intentos por recuperar as fragas 

No século XIX xa se recoñecía a importancia do lugar, e tanto a festa dos Caneiros coma a capela da Espenuca, non só formaban parte da herdanza cultural e devocional da zona, senón que ademais estudosos como o arqueólogo Antonio de la Iglesia trataron de identificar as orixes dos seus principais monumentos. A comezos do século XX ergueríase no concello de Paderne, na marxe norte do río, o balneario do Bocelo, un lugar que, aproveitando as augas sulfurosas dos mananciais do lugar, foi moi visitado neste primeiro terzo do século. Foi arrasado por un incendio na década de 1940.

A importancia do lugar mantívose ao longo do século XX e do seu couto de pesca se contan entre os veciños diferentes historias sobre as visitas para a pesca que facía ao lugar de Chelo o ditador Franco. Nesa época, en 1949, prodúcese a primeira rehabilitación do santuario da Espenuca, no que a Deputación Provincial da Coruña restaurará o campanario, engadirá o cruceiro, reconstruído con restos doutros, e creará os accesos e o miradoiro, pensado para aproveitar as amplas panorámicas do lugar. Tamén desta década destaca un mural de Luís Seoane conservado nunha vivenda próxima.

A outra gran rehabilitación data de 1985, e sería a que se habería de ocupar da restauración da hermida románica e da pequena capela dos Remedios. Entre as dúas datas construiríanse ademais as edificacións que configuran o couto de pesca de Chelo, o auténtico corazón das fragas, e na que conflúen a maioría dos roteiros de sendeirismo. Deste momento data tamén o caneiro do couto e mais a central hidroeléctrica do Zarzo.

Mais, como dixemos, só como santuario e como couto de pesca se valorizou o lugar xa que co tempo iría desaparecendo a imaxe destacada do alto da Espenuca e ameazándose a contorna do río. En toda a contorna do Mandeo o uso intensivo da terra para a gandería e labranza seguiu a comerlle terreo ao bosque, ao tempo que, na súa contorna, se erguían novas edificacións, sobre todo nas zonas máis próximas á vila de Betanzos e o campo dos Caneiros.  Con este uso cada vez máis intensivo e as diferentes crises agrarias o sector forestal foi collendo pulo entre as casas da veciñanza e na segunda metade do século XX o eucalipto converteuse na maior ameaza das fragas, tanto polas propias plantacións nas súas marxes, como polo seu nacemento espontáneo debido ao seu grande poder invasivo. No monte da Espenuca o eucalipto substituíu en boa medida outras especies locais, ao tempo que taparía por completo as vistas do miradoiro, mentres, na conntorna das fragas, expandiríase a especie ata cercalas case por completo tan só se salvaría da súa presenza o fondo do canón.

Non obstante, tales son os valores do bosque que, primeiro, o propio lugar de Chelo foi declarado Paisaxe Pintoresca en 1972, e, máis tarde, xa no ano 2001 as Terras do Mandeo foron integradas na Rede Natura 2000, e foron, xa dequela, Lugar de Importancia Comunitaria. A día de hoxe forma parte do núcleo Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, desde o ano 2013, xunto ao Esteiro do río Baxoi, Encoro de Abegondo, Costa de Dexo-Serantes, Serra da Cova da Serpe e Brañas do Deo. Non obstante este gran espazo natural único e esencial en Galicia, como tantos outros, e a diferenza do Eume, non está declarado Parque Natural, un feito incomprensible se o comparásamos con outros lugares de tal diversidade en Europa ou mesmo no resto do territorio peninsular e que só ten explicación na desidia da administración autonómica.

O eucalipto está comezando a invadir a fraga do Mandeo/ Íñigo Mouzo

A chegada do eucalipto

Ao comezo da década actual a situación do Mandeo e do lugar da Espenuca é crítica. No santuario a deterioración do miradoiro, a invasión do eucalipto e sucesivos roubos na capela dos Remedios fixeron do santuario un espazo case residual. Na contorna das fragas a invasión de especies foráneas de xeito masivo e a construción descontrolada nas zonas máis achegadas á vila de Betanzos puxo en perigo o bosque. O campo dos Caneiros atópase en pleno abandono, a pesar de se celebrar aínda a romaría cada agosto, mentres, a rehabilitación da histórica vila de Betanzos non acaba por callar. O máis grave, ante todo, foi que o lugar se vise, para esta época, no máis completo descoñecemento.

A iniciativa por recuperar este espazo tivo que ser da propia veciñanza e nos primeiros anos da década creouse unha asociación para a defensa das fragas. A Fundación Custodia do Territorio Fragas do Mandeo desde aquela leva desenvolvido un labor intenso tanto no campo da recuperación como da divulgación. Entre elas a custodia de montes nos concellos de Coirós e de Paderne de arredor de 117.000 m2 e outros 53.000 en Ois, acordando cos propietarios a limpeza de montes e a deseucaliptización. O 10 de maio de 2016 voluntarios eliminan eucaliptos na contorna inmediata do santuario da Espenuca e permiten recuperar parte das vistas do miradoiro, que, xunto co Concello de Coirós, que cedeu o terreo á asociación, conseguiron reforestar preto de 17.000 m2. Pero, tal e como poñen de relevo na súa web membros da asociación “pasarán décadas antes de que o terreo quede recuperado”.

A asociación tamén levou a cabo outras accións como a promoción da primeira microreserva da anfibios de Galicia, no concello de Coirós, nos terreos dunha antiga canteira abandonada, que alberga máis de 14 especies. Unha acción excepcional se temos en conta que os anfibios son un dos grupos máis ameazados de Galicia. Desde aquela tamén se implicaron outras institucións. Desde o 10 de xullo de 2016 un convenio entre A Fundación Fragas do Mandeo e a UDC, permite traballar in situ nas fragas e na súa contorna para o estudo directo da zona. O obxectivo é, segundo a asociación, “aproveitar espazos doados para xerar refuxios para a biodiversidade”.

Pero finalmente foi, unha vez máis, a Deputación da Coruña quen recolleu a testemuña da asociación, desenvolvendo nos últimos anos un plan para o Mandeo. O obxectivo é converter a conca do río nun área de gran valor ecolóxico, turístico e cultural, cun investimento de 12,4 millóns de euros en varias campañas cofinanciadas polos fondos Feder e coa colaboración dos concellos da zona. Polo de agora só se produciron tres actuacións, o ancheamento da estrada á Espenuca, cun espazo reservado aos peóns, a intensa sinalización dos roteiros de sendeirismo e das zonas de custodia do río, e o máis importante, a creación dunha Aula de Interpretación do Mandeo, un edificio de tipo museográfico dedicado á divulgación dos valores da zona. Tamén se habería de poñer a funcionar unha web.

A última noticia sobre o lugar foi o 31 de marzo de 2017, cando o presidente da Deputación da Coruña visitou a vila e Concello de Coirós, reuniuse co alcalde e visitou o miradoiro da Espenuca. Prometeu a rehabilitación da súa contorna grazas a unha achega de 23.600€, investimento para recuperar espazos verdes dentro do citado plan, e dotado, nun segundo momento, segundo se coñece, de máis de 5 millóns de euros. O presidente referiuse á gran potencialidade da Espenuca e do seu miradoiro. Prevese unha limpeza de zonas verdes, a poda de árbores e arbustos e o tratamento de socalcos para manter a vexetación, a pavimentación de sendeiros e a  adaptación a persoas de mobilidade reducida.

Neste momento, e sen ningún tipo de apoio da Xunta, e sen a posibilidade de que esta declare este espazo parque natural, a situación de abandono do bosque tende a remitir, sobre todo no tocante ao coñecemento e divulgación dos seus aspectos naturais, os seus roteiros de sendeirismo, o acoutamento de zonas de pesca, o estudo e a custodia da zona feita por varias asociacións entre elas a citada Fragas do Mandeo. Todo isto comeza a apuntar cara a tempos mellores para as fragas. Non obstante seguen sendo moitas as ameazas para este bosque único, sobre todo as derivadas da presenza masiva de eucaliptos na súa contorna, e con elas o perigo de perda de biodiversidade e de lumes, problemas que sen a implicación efectiva de administracións con competencias neste terreo, mais tamén dos veciños dos da zona, persistirán por décadas.

A parcela de monte situada na aba norte, ó pé da ermida, foi cortada polo concello para vender os eucaliptos no 2014. O 5 de maio de 2015 Fragas do Mandeo asinou un convenio de custodia do territorio polo que o Concello lle cedía esta parcela e outras por 50 anos. En xullo de 2015 iniciamos os traballos de restauración do bosque autóctono coa eliminación de tódolos rebrotes de eucaliptos da parcela. O resto das parcelas cortadas ó redor do miradoiro cortounas o arcebispado a partir do 2015.

 

 

ACLARACIÓNS DA FUNDACIÓN FRAGAS DO MANDEO:
A entidade chámase Fundación Fragas do Mandeo. Xa que logo non é unha asociación e non foi creada pola veciñanza. Creouse en xullo de 2010.
Actualmente, a Fundación Fragas do Mandeo non custodia ningún monte no concello de Paderne. No concello de Coirós custodia 223.203 metros cadrados (Ois forma parte do concello de Coirós).
A Fundación Fragas do Mandeo non acorda cos propietarios a limpeza dos montes e a des-eucaliptización. O que fai é mercar montes e logo recupera o bosque autóctono cos seus propios medios e coa axuda de voluntarios. Tamén ten acordos de cesión polos que lle ceden montes a longo prazo (de 20 a 50 anos) que lle permiten actuar nos montes.
A parcela de monte situada na aba norte, ó pé da ermida, foi cortada polo concello para vender os eucaliptos no 2014. O 5 de maio de 2015 Fragas do Mandeo asinou un convenio de custodia do territorio polo que o Concello lle cedía esta parcela e outras por 50 anos. En xullo de 2015 iniciamos os traballos de restauración do bosque autóctono coa eliminación de tódolos rebrotes de eucaliptos da parcela. O resto das parcelas cortadas ó redor do miradoiro cortounas o arcebispado a partir do 2015.
A Fundación Fragas do Mandeo non é unha asociación e non ten membros.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...