Colección de crustáceos do museo Mares de Cedeira / maresdecedeira.gal

Galicia conta cunha das coleccións de moluscos máis importantes do mundo

O Museo Mares de Cedeira atesoura unha das colección de crustáceos máis importantes do mundo, con especies únicas de Galicia e de todos os contintentes. Tamén conta cunha valiosa colección de malacoloxía, única na Comunidade, cedida por Manuel Suárez, que consta de 5.091 elementos.

Precisamente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá como colección visitable este museo despois de que o Consello da Xunta o aprobase na súa reunión semanal, dando así resposta á solicitude presentada pola Asociación Mares de Cedeira, tras a constitución deste centro, inaugurado o 23 de xullo de 2016.

O obxectivo deste museo é preservar e transmitir ás xeracións futuras a memoria colectiva do traballo desta vila no mar a través das coleccións particulares de instrumentos náuticos, aparellos de pesca e diversos obxectos vinculados coa actividade mariñeira e pesqueira que posuían os membros da devandita asociación. No proxecto de creación do centro participaron tamén o Concello e a Confraría de Pescadores.

Pezas do Museo Mares de Cedeira / maresdecedeira.gal

Os fondos que integran a exposición permanente abranguen diferentes coleccións nas que están representados todos os aspectos desta cultura. Así, na primeira parte do percorrido expositivo amósanse embarcacións de tamaño natural e diferentes elementos e pezas procedentes de barcos pesqueiros xa desaparecidos. Así mesmo, pódese admirar o banco do derradeiro carpinteiro de ribeira da vila coas súas ferramentas, unha das coleccións de artes de pesca máis importantes, tanto pola súa relevancia como pola variedade e carácter exhaustivo dos elementos que están expostos.

Salgaduras e conservas Salgaduras e conservas

Na segunda parte do percorrido, baixo o título Do mar á conserva, expóñense pezas procedentes dalgunha das 13 fábricas de salgadura e conserva que chegaron a existir en Cedeira. A continuación, outra pequena sección amosa unha pequena colección de varias clases de motores. Na sala do museo poden contemplarse tamén colección de pezas de diferentes ámbitos do sector: ferramentas de marisqueo, maquetas de buques, documentos de navegación, planos, fósiles mariños, instrumentos de comunicación, material de seguridade e salvamento…

Requisitos

A Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, establece, no seu artigo 112, que se considera “colección visitable” aquela que non reúna todas as características e condicións necesarias para o seu recoñecemento como museo, sempre que as súas persoas titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso do persoal investigador. Así mesmo, os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

A partir da entrada en vigor da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, con este son 22 os museos, coleccións ou centros catalogados como “colección visitable” en Galicia (2 museos e 19 coleccións visitables).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: